Esteiro denuncia un estado de abandono total e esixe ao Concello de Muros que actúe de inmediato

A plataforma Esteiro en Pé alerta do deterioro dos servizos básicos, con sumidoiros atrancados, rúas sen limpar e máis de vinte farolas fundidas, e non descarta convocar unha gran manifestación.

A situación de abandono que, segundo denuncia a plataforma veciñal Esteiro en Pé, padece a localidade de Esteiro, no concello de Muros, está a xerar un crecente malestar entre a veciñanza. O colectivo denuncia a falta de atención aos servizos máis básicos e acusa o goberno municipal de manter unha situación de inoperancia que repercute directamente na calidade de vida dos habitantes.

Entre os problemas sinalados figuran os sumidoiros atrancados, a falta de limpeza viaria e o deficiente estado do alumeado público, con máis de vinte farolas fundidas, segundo a plataforma. Unha situación que consideran impropia dun municipio que debe garantir uns servizos públicos dignos e unhas condicións adecuadas de mantemento e seguridade.

Desde Esteiro en Pé critican que nin sequera se estean atendendo as necesidades máis elementais da localidade e reclaman unha intervención urxente para solucionar estes problemas, que, aseguran, levan tempo evidenciando a falta de xestión municipal.

A plataforma tamén cuestiona as desavinzas existentes entre os integrantes do bipartito muradán, sinalando que a cidadanía non ten por que asumir as consecuencias dos conflitos políticos internos nin sufrir as repercusións dun goberno que, ao seu xuízo, non está a dar resposta ás demandas veciñais.

Na súa denuncia, o colectivo lanza unha mensaxe contundente aos responsables municipais e lembra que «dimitir non é un verbo ruso», reivindicando que a dimisión, cando a xestión non está á altura das responsabilidades asumidas, tamén pode ser un exercicio de dignidade política.

Non descartan unha gran mobilización veciñal

Ante a falta de solucións, Esteiro en Pé advirte de que, se estes graves problemas non son atendidos e corrixidos nun prazo razoable, a veciñanza podería verse obrigada a organizar unha gran manifestación en protesta contra o que cualifican de inoperante desgoberno muradán.

A plataforma reclama actuacións inmediatas, mantemento efectivo dos espazos públicos, reparación do alumeado, limpeza das rúas e desbloqueo dos sumidoiros, insistindo en que Esteiro merece atención, respecto e uns servizos municipais acordes coas necesidades dos seus habitantes.

O colectivo conclúe apelando á responsabilidade do Concello de Muros e reclamando que se abandone a confrontación política para dar prioridade aos problemas reais da cidadanía. A veciñanza, sosteñen, non pode seguir agardando mentres se deterioran os servizos públicos máis esenciais.