
A conselleira destaca o labor das profesionais do sector e aposta en dar visibilidade ás mulleres nos ámbitos con menor representación
Marín (Pontevedra), 9 de outubro de 2026.– A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, felicitou este xoves o sector audiovisual galego polo seu compromiso coa igualdade de xénero e coa promoción do talento feminino. Fíxoo durante a VI gala Mulleres no Foco, organizada pola Deputación de Pontevedra e a Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais (CIMA), que contou tamén coa presenza do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández.
Durante o acto, García puxo en valor o traballo das tres premiadas e do conxunto de profesionais participantes, e defendeu a necesidade de «facer visible o talento feminino, recoñecelo e darlle o lugar que merece». A conselleira salientou que este talento constitúe un «motor de crecemento e de produtividade» para o sector audiovisual galego.
A responsable autonómica incidiu tamén na importancia de recoñecer o labor das mulleres que traballan nesta industria, especialmente naqueles ámbitos nos que a súa presenza segue a ser menor. Neste sentido, subliñou que avanzar cara a unha maior igualdade de oportunidades resulta fundamental para garantir que as profesionais poidan desenvolver plenamente as súas capacidades e contribuír ao futuro do sector.
Así mesmo, Fabiola García lembrou o compromiso da Xunta de Galicia co impulso do coñecemento e da difusión de referentes femininos entre as novas xeracións. Unha aposta que busca favorecer que as nenas e mozas conten con modelos nos que inspirarse e poidan imaxinar o seu futuro profesional en calquera ámbito da creación audiovisual.
A conselleira concluíu destacando que a igualdade de xénero é unha cuestión que beneficia ao conxunto da sociedade, xa que, como sinalou durante a súa intervención, «non só beneficia ás mulleres, senón que fortalece a toda a sociedade galega».
