Faro da Costa pregunta polas medidas sanitarias do Autocross de Santa Comba

Un afeccionado ao mundo do autocross fíxonos chegar unha reflexión sobre os medios sanitarios dispoñibles durante a proba de Autocross celebrada no concello de Santa Comba, unha cuestión que consideramos de interese e que debe ser aclarada polos responsables da organización.

Segundo o relato recibido, o dispositivo sanitario presente no circuíto non cumpriría cos medios que, segundo o afeccionado, son esixibles para este tipo de competicións. En concreto, sinala que debería haber unha UVI móbil coa súa correspondente dotación de persoal, incluíndo técnico e enfermería, así como outra ambulancia de soporte vital básico (SVB) coa súa dotación.

O afeccionado asegura que no lugar había unha UVI móbil cun único técnico e outra ambulancia que, segundo a súa apreciación, sería de tipo A1 e tamén contaría cun único técnico. De confirmarse estas circunstancias, sería necesario coñecer se estes vehículos e as súas dotacións cumprían cos requisitos establecidos para a celebración da proba.

As imaxes publicadas nas redes sociais permiten comprobar os vehículos sanitarios que estiveron presentes no circuíto, aínda que a súa aparencia exterior non permite determinar por si soa a categoría ou habilitación asistencial de cada ambulancia. Por iso, entendemos que corresponde ás autoridades e organismos competentes aclarar esta cuestión.

Estaba todo en orde?

Desde Faro da Costa queremos preguntar directamente ás autoridades responsables se todos os requisitos sanitarios e de seguridade estaban correctamente cumpridos antes e durante a celebración do Autocross de Santa Comba.

Tamén queremos coñecer que organismo se encargou de comprobar os medios sanitarios dispoñibles e se a escudería organizadora comunicou previamente o dispositivo previsto para a proba.

O Concello, a escudería organizadora e a Federación Galega de Automobilismo poderán aclarar estas cuestións e achegar a documentación correspondente para coñecer exactamente que medios estaban contratados e cal era a súa dotación.

Unha mensaxe desde Faro da Costa á FGA

E desde Faro da Costa queremos engadir unha reflexión dirixida á Federación Galega de Automobilismo (FGA).

Cando unha persoa que participa nunha proba deportiva acaba no hospital tras un accidente ou incidente, entendemos que a humanidade tamén debe formar parte do deporte.

Por iso, desde este medio queremos dicilo claramente: FGA, tedes que ser máis humanos. Cando alguén está no hospital, cando un deportista ou participante está pasando por un momento delicado, un xesto tan sinxelo como achegarse a visitalo, interesarse polo seu estado e acompañar á súa familia pode significar moito.

As competicións, os resultados e os regulamentos son importantes, pero detrás de cada piloto hai unha persoa.

Desde Faro da Costa consideramos que a deportividade tamén se demostra fóra do circuíto.