Juan Insua reclama ao Concello de Ames «datos, orzamentos e datas sobre o aparcamento e a vivenda »

O candidato de UCIN á Alcaldía de Ames cuestiona o anuncio da apertura «inminente» do aparcamento de pago de O Milladoiro e reclama coñecer tamén o plan municipal de vivenda para a próxima década

O candidato de UCIN á Alcaldía de Ames, Juan Insua, reclama ao Concello maior concreción e transparencia tanto sobre a posta en funcionamento do novo aparcamento municipal de pago de O Milladoiro como sobre as políticas de vivenda do municipio.

No caso do aparcamento, Insua pon o foco no anuncio dunha apertura «inminente» dunha infraestrutura situada en O Milladoiro, con arredor de 220 prazas, cando aínda están pendentes de concretar cuestións fundamentais para a súa posta en funcionamento.

Segundo a información publicada sobre o proxecto, o Concello prevé xestionar directamente o aparcamento, situado na planta -3 do estacionamento do Supercor, e aínda se estaba traballando no estudo definitivo do prezo das prazas, no regulamento de funcionamento e nas tarifas.

Ante esta situación, Juan Insua formula unha cuestión que considera esencial para a xestión municipal:

«Como pode anunciarse unha apertura inminente se aínda non están aprobadas as condicións fundamentais para que o aparcamento funcione?»

O candidato de UCIN defende que unha obra ou un servizo público non debería darse por posto en marcha polo feito de ser anunciado, senón cando estea formalmente definido e operativo.

«Non é cando se anuncia. É cando funciona», sinala Insua, que reclama coñecer de maneira pública o estudo definitivo, o contrato, o custo para as arcas municipais, as tarifas que deberán pagar os usuarios, o regulamento de funcionamento e os acordos necesarios para a súa entrada efectiva en servizo.

A vivenda, outra das cuestións pendentes

Insua tamén expresa o seu malestar pola falta, ao seu xuízo, de respostas concretas sobre a política de vivenda de Ames.

O candidato considera necesario pasar das declaracións xerais a unha planificación con cifras e compromisos verificables e formula varias preguntas ao Goberno municipal:

Cantas vivendas necesita realmente Ames?

Cantas vivendas a prezos accesibles se entregarán cada ano durante a próxima década?

En que parcelas se construirán?

Con que financiamento?

E quen será responsable de garantir que se cumpran os prazos?

Para Insua, coñecer o número de vivendas que necesita o municipio debería ser o primeiro paso para establecer unha política residencial baseada en previsións concretas e non unicamente en anuncios.

«Que vivenda social nova promoveu directamente o Concello?»

O candidato de UCIN tamén reclama unha explicación sobre a xestión realizada nos últimos anos e formula unha pregunta directamente vinculada á actividade municipal:

«Cantas vivendas sociais de nova construción promoveu, rematou e entregou directamente o Concello de Ames desde xuño de 2015?»

Insua considera que a resposta debería acompañarse de datos verificables, indicando as promocións realizadas, o número de vivendas, os investimentos efectuados, as parcelas utilizadas e as datas de finalización e entrega.

A súa reclamación esténdese así tanto á situación actual como á planificación futura: «Os veciños necesitamos respostas con datos, orzamentos e datas», afirma.

O candidato presenta esta demanda como parte da súa proposta de maior transparencia e rendición de contas na xestión municipal, unha das liñas que UCIN Ames inclúe no seu programa para o municipio. Na súa proposta política, a formación sitúa entre as súas prioridades a creación dunha Oficina Municipal de Vivenda, a promoción de vivenda protexida e a reserva de solo, así como a publicación periódica do estado das actuacións e da execución do programa.

A cuestión, segundo Insua, non é só anunciar novos equipamentos ou actuacións, senón saber exactamente que se vai facer, canto vai custar, cando estará en funcionamento e quen responderá se os prazos non se cumpren.