Juanfran Martínez Canosa, elixido presidente de Alternativa Enxebre

A formación culmina o seu primeiro proceso electoral interno e constitúe unha Comisión Executiva de 16 membros, con maioría feminina

Arteixo, 6 de outubro de 2026. — Alternativa Enxebre celebrou o pasado domingo, 4 de outubro, na súa sede de Arteixo, a súa Asemblea Xeral Ordinaria, na que culminou o primeiro proceso electoral interno da formación desde a súa constitución.

Juanfran Martínez Canosa, que viña desempeñando a Presidencia de maneira provisional desde a fundación de Alternativa Enxebre, foi elixido presidente da formación ao encabezar a única candidatura presentada ao proceso electoral interno.

A elección supón o peche da etapa provisional coa que iniciou a súa andaina a organización e dá paso a unha nova fase coa constitución dos seus primeiros órganos de dirección elixidos.

A nova Comisión Executiva está integrada por 16 persoas:

  • Presidente: Juanfran Martínez
  • Vicepresidenta: Sandra Lema
  • Secretario xeral: José Raúl Gómez
  • Secretaria de Organización: María del Carmen Cedeira
  • Secretaria de Comunicación: Vanesa Barral
  • Tesoureira: Noelia Martínez
  • Vogais: María de los Ángeles Burguillos, José Martín Seoane, María José Boado, José Carlos Moscoso, Noemí Cordero, Juan Manuel Rodríguez, Montserrat García, María Iglesias, Evangelina García e María Dolores García.

A dirección destaca pola súa presenza feminina, xa que 11 dos seus 16 integrantes son mulleres, o que representa preto do 69 % da Comisión Executiva. Ademais, varias delas ocupan responsabilidades de dirección, entre elas a Vicepresidencia, as secretarías de Organización e Comunicación e a Tesouraría.

Martínez Canosa reivindicou esta composición como unha expresión práctica dos principios que, segundo sinala, defende a formación en materia de igualdade e feminismo.

«Para nós, a igualdade e o feminismo non poden quedar unicamente nas palabras ou nos discursos. Defendémolos abertamente, pero tamén entendemos que teñen que verse reflectidos na práctica, garantindo a presenza, a participación e o protagonismo das mulleres nos espazos nos que se toman decisións e se asumen responsabilidades», afirmou.

O presidente engadiu que Alternativa Enxebre pretende aplicar estes principios no funcionamento interno da organización e destacou que as mulleres son maioría no novo órgano executivo.

Constituído tamén o órgano de garantías

Durante a mesma Asemblea Xeral quedou constituída a Comisión de Control, Garantías e Dereitos, un órgano independente da Comisión Executiva e formado por catro militantes.

A súa composición é a seguinte:

  • Presidente: Manuel Domingo Gómez
  • Secretario: Adrián Mosquera
  • Vogais: Manuel González e Francisco Martínez.

A constitución destes órganos supón, segundo a formación, o inicio dunha nova etapa centrada no fortalecemento da súa estrutura organizativa e na continuidade do proxecto político.

Tras ser elixido presidente, Martínez Canosa agradeceu o apoio recibido por parte da militancia e das persoas que integraron a súa candidatura, así como o traballo desenvolvido por militantes e simpatizantes desde a posta en marcha de Alternativa Enxebre.

O novo presidente animou o equipo a manter o nivel de traballo e compromiso desenvolvido ata o momento e asegurou que a formación continúa incorporando novos militantes e simpatizantes.

«Somos o presente e tamén o futuro dos concellos nos que estamos presentes», afirmou.

Reivindicación da independencia da formación

Martínez tamén puxo o foco na independencia política e económica de Alternativa Enxebre. Segundo explicou, a formación «non depende absolutamente de ninguén» e financíase mediante as cotas dos seus militantes e as achegas dos seus simpatizantes.

«Alternativa Enxebre é un proxecto totalmente independente, sen mochilas e que non depende absolutamente de ninguén. Somos donos das nosas propias decisións e o noso único compromiso é coas persoas e cos municipios nos que traballamos», sinalou.

Neste sentido, reafirmou tamén o compromiso da organización coa defensa de «administracións públicas legais, honradas e transparentes», nas que, segundo indicou, o interese xeral debe orientar a actuación dos responsables públicos.

«Estaremos onde os veciños e veciñas decidan que debemos estar, pero sempre coa mesma independencia, os mesmos principios e a mesma determinación», manifestou.

A formación reivindica o traballo realizado nos concellos

Durante a súa intervención, Martínez Canosa dirixiuse tamén á cidadanía dos municipios nos que Alternativa Enxebre ten presenza institucional e daqueles nos que poida implantarse no futuro.

O presidente destacou o traballo desenvolvido pola formación malia contar, segundo sinalou, con «poucos medios» e cunha representación institucional limitada.

«Fomos capaces de traballar, fiscalizar, propoñer solucións e conseguir avances e melloras para a veciñanza», afirmou.

Martínez reclamou á cidadanía que valore o labor desenvolvido pola organización e plantexou que unha maior representación institucional permitiría, segundo a súa valoración, ampliar a capacidade de actuación da formación.

«Se con poucos medios e cunha representación tan limitada somos capaces de conseguir avances e defender os intereses da veciñanza, tamén é lexítimo preguntarse ata onde poderiamos chegar cunha maior representación e asumindo responsabilidades de goberno», engadiu.

O presidente considerou que a evolución da organización desde a súa fundación reafirma a decisión de crear unha formación política propia e independente.

«O tempo e os feitos son os que acaban poñendo cada cousa no seu lugar. Hoxe estamos máis convencidos ca nunca de que acertamos cando decidimos iniciar o noso propio camiño», afirmou.

Martínez Canosa pechou a súa intervención destacando o crecemento da organización e a incorporación progresiva de novas persoas ao proxecto.

«Temos equipo, temos ilusión, temos cada vez máis persoas que se suman ao proxecto e, sobre todo, temos moitas ganas de traballar. O camiño que iniciamos continúa, agora con máis forza, máis organización e coa mesma liberdade e independencia coa que naceu Alternativa Enxebre», concluíu.