
Lácteos As Mellas, de Arzúa, recibe o IV Premio Juana de Vega ao Emprendemento Agroalimentario, mentres que a granxa rexenerativa O Bico do Río, de Vilalba, obtén o Premio Sodexo Impulso Transformador.
A Fundación Juana de Vega acolleu este martes o Demoday 2026, a xornada de clausura da XIV edición do Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias, na que doce proxectos empresariais do rural galego presentaron as súas iniciativas ante potenciais clientes, provedores, financiadores e representantes de entidades vinculadas ao emprendemento e ao desenvolvemento rural.
O encontro reuniu propostas procedentes de distintos puntos de Galicia, entre eles A Coruña, A Veiga, Ames, Arzúa, Cervo, Melide, Nigrán, Ourense, Pontedeume, Tomiño e Vilalba.
O IV Premio Juana de Vega ao Emprendemento Agroalimentario recaeu en **Lácteos As Mellas**, iniciativa promovida por Sandra Mella Ríos en Arzúa. O xurado destacou a súa aposta por diversificar a explotación familiar mediante a elaboración de queixos, incorporando valor engadido ao leite producido na propia granxa e buscando diferenciarse nun mercado de amplo consumo.
A promotora, vinculada á explotación desde os 17 anos, recibirá 30 horas de asesoramento adicional para impulsar o desenvolvemento do negocio nesta fase inicial.
O accésit foi para **Marmeladas A Morena**, proxecto de Cristina Rodríguez Eijo, situado en Cervo, que destacou pola súa proposta innovadora, un produto xa validado no mercado e un plan de crecemento viable. O xurado tamén valorou a motivación da promotora e a dispoñibilidade das instalacións necesarias para afrontar a ampliación da actividade.
Pola súa banda, o novo **Premio Sodexo Impulso Transformador** distinguiu a granxa rexenerativa **O Bico do Río**, impulsada por Cian Francis Brazil e a súa parella en Vilalba. O proxecto aposta por un modelo de produción sostible, integrado na comunidade e orientado a construír un proxecto de vida no rural.
A explotación traballa coa cría en liberdade e en pastos abertos de galiñas, porco celta e ovella galega. A venda de ovos é actualmente a súa principal fonte de ingresos, aínda que tamén conta con posibilidades de ampliar a comercialización de carne. O xurado salientou a súa contribución ao consumo de proximidade, ao aproveitamento dos recursos locais e ao asentamento de poboación no territorio.
O galardón nace da colaboración entre Sodexo e a Fundación Juana de Vega, co obxectivo de apoiar produtores locais, favorecer as canles curtas de comercialización e promover a presenza dos alimentos de proximidade nos circuítos de consumo.
Doce iniciativas para impulsar o rural galego
Durante a xornada presentáronse doce proxectos, seis na modalidade de Emprendemento e seis na de Crecemento e Consolidación. As iniciativas abarcan ámbitos como a elaboración de produtos lácteos, marmeladas, xeados, chocolates bean to bar, viño e licor café, cosmética a partir de plantas medicinais, transformación da castaña, cría de capóns, produción rexenerativa e consultoría tecnolóxica para o sector agro.
A edición destacou pola diversidade dos perfís participantes, con iniciativas de remuda xeracional, continuidade de negocios familiares, diversificación de explotacións e novos emprendementos promovidos por persoas que regresaron a Galicia tras formarse ou traballar fóra.
Na clausura, Daniel Lois, director de Responsabilidade Social Corporativa e Sostibilidade de Sodexo, animou as persoas participantes a perseverar nos seus proxectos, destacando a importancia de probar, rectificar e adaptarse para alcanzar os seus obxectivos. O presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez, puxo en valor o labor da entidade como representante da sociedade civil e o legado da súa fundadora.
Aberto o prazo para a edición de 2027
O Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias, que a Fundación Juana de Vega desenvolve con fondos propios desde 2012, ofrece durante un ano formación, mentoría gratuíta e apoio técnico a emprendedores e empresas rurais galegas.
A convocatoria para a edición de 2027 permanecerá aberta ata o **8 de decembro**. As persoas interesadas poden inscribirse a través da web [programadeapoyo.juanadevega.org](https://programadeapoyo.juanadevega.org/).
O programa está dirixido a iniciativas dos sectores agroalimentario, forestal, bioeconómico, marisqueiro e pesqueiro, así como a proxectos tecnolóxicos e servizos vinculados a estas actividades. Nesta nova edición inclúe tamén un itinerario territorial específico para varios concellos da comarca de Monterrei e da contorna da Gudiña.
A iniciativa busca acompañar novas ideas de negocio, impulsar procesos de innovación e expansión e facilitar a sucesión de empresas familiares, contribuíndo así a fortalecer o tecido económico e social do rural galego
