
O municipio de Laxe vén de acoller unha visita institucional ao centro de formación Colaxe, onde se está a desenvolver un curso de Atención Sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, incluído dentro das Accións Formativas para Persoas Desempregadas.
Durante a visita, na que participou o alcalde de Laxe, Francisco Charlín, púidose coñecer de preto o desenvolvemento desta formación orientada a preparar novos profesionais nun sector con crecente demanda laboral. O programa conta cun apoio da Xunta de Galicia de preto de 52.000 euros.
Esta iniciativa formativa ten como obxectivo mellorar as oportunidades de inserción laboral do alumnado e dar resposta ás necesidades de persoal cualificado no ámbito dos coidados ás persoas maiores e dependentes, un dos sectores con maior proxección de crecemento.
Segundo se destacou durante a visita, a formación para o emprego consolídase como unha ferramenta clave para reforzar a empregabilidade e axustar a oferta formativa ás demandas reais do tecido produtivo galego.
Na comarca de Bergantiños-Costa da Morte, xa se atopan concedidos un total de 19 cursos, cun investimento global superior aos 1,2 millóns de euros, no marco das políticas de impulso á cualificación profesional e á creación de oportunidades laborais.



