Mazaricos intensifica a mellora das infraestruturas con novos bacheos na parroquia de Antes

O Concello de Mazaricos continúa avanzando na mellora das súas infraestruturas municipais cunha nova actuación centrada na reparación de vías locais. Nesta ocasión, os traballos están a desenvolverse na parroquia de Antes, onde se están a levar a cabo tarefas de bacheo co obxectivo de reforzar a seguridade viaria e facilitar o tránsito tanto de vehículos como de peóns.

Esta intervención responde á necesidade de reparar os danos ocasionados tras un inverno especialmente duro, marcado por temporais que afectaron ao estado das estradas e camiños do municipio. As actuacións inclúen a rehabilitación de firmes deteriorados e a eliminación de fochancas que dificultaban a circulación.

Dende o Concello sinalan que estes traballos forman parte dun plan continuo de mantemento e mellora da rede viaria municipal. “Seguimos paso a paso recuperando estradas e camiños para poñer a punto o noso concello e garantir unhas mellores condicións de mobilidade para a veciñanza”, destacan fontes municipais.

Con este tipo de intervencións, Mazaricos reafirma o seu compromiso co coidado das infraestruturas locais e coa seguridade dos seus habitantes, apostando por actuacións que contribúan a un entorno máis accesible e seguro en todas as parroquias.