
O relato ‘La noticia de tu propia muerte en el diario de la mañana’ foi elixido entre os 195 traballos presentados ao certame
O xurado destacou a profundidade dos personaxes e a reflexión sobre o abandono, a perda da inocencia, a culpa e a responsabilidade
Padrón, 26 de novembro de 2026.- O escritor madrileño Miguel Ángel González González é o gañador do XXXVI Premio Literario Camilo José Cela de Narrativa, convocado polo Concello de Padrón, co relato La noticia de tu propia muerte en el diario de la mañana, presentado baixo o lema Kubelik. O fallo foi acordado por maioría na reunión do xurado celebrada o pasado martes, 24 de novembro, no salón de plenos da casa consistorial, tras avaliar os 195 relatos participantes.
O xurado destacou a notable resonancia emocional da obra, a súa dimensión simbólica e a profundidade dos personaxes. Así mesmo, valorou o tratamento de temas como o abandono, a perda da inocencia, a culpa, a conciencia e o sentido da responsabilidade, que articulan a proposta narrativa premiada.
O alcalde de Padrón, Anxo Arca, presidiu o xurado, integrado por Carlos Arias Iglesias, escritor e gañador da segunda edición do certame; Beatriz Vázquez Lorenzo, licenciada en Filoloxía Inglesa; Esteban Folgar Brea, profesor de Lingua e Literatura no IES da Estrada; Covadonga Rodríguez del Corral, subdirectora da Fundación Pública Galega Camilo José Cela; e Inés Mosquera Calvo, mestra de Educación Primaria. Exerceu como secretaria M.ª Cruz Taboada Álvarez, funcionaria municipal.
Un premio perseguido durante anos
Tras coñecer o fallo, Miguel Ángel González González expresou a súa emoción e agradecemento por recibir un recoñecemento que, segundo afirmou, levaba “moitos anos perseguindo”. O autor destacou a satisfacción de vincular o seu nome a un certame de longa traxectoria e prestixio, asociado á figura de Camilo José Cela, Premio Nobel de Literatura.
O escritor, que traballa profesionalmente como profesor de escritura creativa a través do seu taller La Biblioteca Prestada, explicou que o relato premiado nace dunha lembranza da infancia: unha viaxe familiar na que lle quedou gravada a imaxe dun galgo que corría detrás do coche, probablemente por equivocación. A partir desa escena, a narración adéntrase na ficción para explorar as relacións familiares e os segredos que as rodean.
González González recoñeceu que aínda non coñece Padrón, malia ter visitado Galicia e contar cunha novela titulada Cariño. A concesión do premio, sinalou, supón unha oportunidade para descubrir o municipio.
Unha ampla traxectoria literaria e teatral
Nado en Madrid en 1982 e formado como educador social, Miguel Ángel González González desenvolve a súa actividade nos ámbitos da narrativa, a poesía, o guión cinematográfico e o teatro. Publicou a súa primeira novela en 2006 e a súa obra foi recoñecida en España e en distintos países de América Latina.
Como dramaturgo obtivo os premios Fray Luis de León, Max Aub e Born, e as súas obras foron representadas en España, Arxentina, México e Estados Unidos.
Entre os seus títulos narrativos figuran Todos los miedos (Siruela, 2016), Premio Café Gijón; Cariño (Alianza Editorial, 2018), seleccionada entre as dez mellores novelas do ano pola revista Forbes; Un nublao de tiniebla y pedernal (Editorial Comba, 2021), Premio Ciudad de Alcalá de Narrativa; e Perder el equilibrio (Grijalbo, 2024), finalista nos premios Valencia Negra. O seu poemario ¿Qué harías si yo muriera? (Visor) recibiu o Premio Ciudad de Badajoz. A súa publicación máis recente é a novela Las tres familias (Ediciones B, 2026).
O XXXVI Premio Literario Camilo José Cela de Narrativa está dotado con 1.500 euros e unha estatuíña conmemorativa. O Concello de Padrón felicita o autor pola calidade da obra galardoada e agradece a participación recibida nun certame que contribúe a manter viva a memoria e o legado literario de Camilo José Cela, así como a súa estreita vinculación coa vila padronesa.
