Morre unha persoa tras ser atropelada por un turismo en Porto do Son

O accidente produciuse arredor das oito da mañá na estrada AC-550, ao seu paso pola parroquia de Goiáns. Os servizos de emerxencias só puideron confirmar o falecemento da vítima.

Unha persoa faleceu na mañá deste xoves tras ser atropelada por un turismo na estrada AC-550, ao seu paso por Goiáns, no municipio coruñés de Porto do Son.

O accidente rexistrouse pouco despois das oito da mañá. Foi a propia persoa que conducía o vehículo implicado quen alertou do sucedido ao 112 Galicia, advertindo da gravidade da situación.

Tras recibir o aviso, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias activaron o operativo de asistencia, no que participaron efectivos de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Policía Local, da Garda Civil de Tráfico e do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Noia.

Porén, malia a rápida mobilización dos recursos de emerxencia, nada se puido facer por salvar a vida da persoa atropelada. Á súa chegada ao lugar dos feitos, os equipos desprazados unicamente puideron confirmar o falecemento.

As circunstancias nas que se produciu o atropelo non transcenderon polo momento.