
Hai un mes, un informe técnico do Concello de Muros ditaminaba que a ponte estaba en boas condicións e que non supuña ningún perigo.
Un mes despois, outro informe determina xustamente o contrario: a ponte debe pecharse polo risco de derrubamento.
E aquí comezan as preguntas.
Dous informes técnicos en apenas un mes, con conclusións totalmente contraditorias. E, polo que sabemos, aquelas primeiras valoracións foron de boquilla, sen documentos escritos nos que quede constancia do que supostamente se afirmou.
Agora, á présa e correndo, elabórase un novo documento. Supostamente, a rexedora muradá encarga aos técnicos municipais a elaboración dun plan de demolición da ponte.
Pero hai algo aínda máis sorprendente: o propio Concello, a día de hoxe, descoñece se ten competencias para ordenar esa demolición.
A competencia municipal sobre esa ponte sería, precisamente, a do seu mantemento e conservación. E iso é o que non se fixo.
Entón cabe preguntarse:
Pódese presidir un Concello sen saber cales son as competencias que ten?
En Muros, parece que si.
E mentres tanto, a ponte convértese nun problema que se pretende solucionar agora, á présa, despois de anos de falta de mantemento.
E ollo, porque o pavillón e o campo de fútbol parecen ir polo mesmo camiño: crear noticia cando o problema xa está enriba da mesa, en lugar de facer os deberes a tempo.
Muros merece planificación, transparencia e responsabilidade. Non improvisación cando xa non queda outra.