O BNG critica que o PP apoie en Carballo o transporte para o persoal público pero o rexeite no Parlamento

Oscar Insua reclama á Xunta máis frecuencias directas entre Bergantiños e A Coruña e medidas que permitan ao persoal do Sergas chegar aos hospitais en función das súas quendas de traballo.

Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2026. O deputado do BNG pola Costa da Morte, Oscar Insua, criticou a contradición do Partido Popular, que apoiou en Carballo a demanda dun transporte público adaptado ás necesidades do persoal público, pero votou en contra da iniciativa presentada pola formación nacionalista no Parlamento galego.

O BNG reclama á Xunta que mellore as conexións entre as comarcas de Bergantiños e da Costa da Morte e A Coruña, con máis frecuencias directas e servizos adaptados ás franxas horarias de maior demanda. O obxectivo é facilitar os desprazamentos das persoas traballadoras do Servizo Galego de Saúde (Sergas) que residen en concellos como Carballo, Cabana de Bergantiños, Coristanco, Laxe, Ponteceso, Vimianzo, Malpica de Bergantiños ou A Laracha e que se desprazan diariamente ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) e a outros centros sanitarios da cidade.

«Non pedimos privilexios, senón planificación e alternativas reais para que as persoas poidan acudir ao seu centro de traballo», defendeu Insua, quen considera que a planificación da mobilidade laboral debe coordinarse coa oferta de transporte público.

O BNG reclama solucións adaptadas ás quendas sanitarias

O deputado nacionalista advertiu de que a existencia de autobuses non garante que o persoal poida chegar ao seu posto de traballo á hora necesaria. As quendas sanitarias de mañá, tarde e noite, xunto co tempo necesario para acceder ao hospital, cambiarse e realizar o relevo, dificultan o uso do transporte público actual.

Ademais, a conexión entre Carballo e A Coruña non ofrece un acceso directo á zona hospitalaria, polo que é necesario combinar servizos interurbanos e urbanos, con esperas, transbordos e desprazamentos a pé. Segundo Insua, o traxecto pode alcanzar unha hora e media por sentido, fronte aos 30 ou 40 minutos que require o percorrido directo por estrada.

«O transporte público non se mide só polos autobuses que circulan, senón pola capacidade de responder ás necesidades reais das persoas», subliñou.

Insua tamén lembrou que existen precedentes de servizos de transporte colectivo vinculados á actividade hospitalaria na área de Barbanza e de desprazamentos organizados para o persoal das oficinas centrais da Xunta en San Caetano.

A Xunta analizará os horarios, pero sen comprometer unha conexión directa

O BNG recoñeceu que se produciron avances tras rexistrar a iniciativa parlamentaria. Nunha reunión celebrada o pasado 16 de outubro entre a Dirección Xeral de Mobilidade e na que participou tamén o alcalde de Carballo, Daniel Pérez, a Xunta mostrouse disposta a estudar tecnicamente posibles adaptacións dos horarios e percorridos entre Carballo e A Coruña.

Porén, segundo explicou Insua, a Administración galega descartou polo momento unha conexión directa que evite o paso pola estación intermodal e sinalou que os contratos vixentes non contemplan a realización de probas piloto.

Ante esta situación, o deputado reclamou concreción sobre as alternativas que se van implantar, os prazos previstos e a maneira de garantir que os servizos sexan compatibles coas quendas do persoal sanitario.

Os plans de mobilidade, unha obriga legal

A iniciativa do BNG tamén puxo o foco na aplicación da Lei 9/2025, de Mobilidade Sostible, cuxo artigo 26 establece a obriga de dispoñer de Plans de Mobilidade Sostible ao Traballo nos centros que superen os limiares previstos, de máis de 200 persoas traballadoras ou 100 por quenda.

Co prazo indicado na iniciativa a piques de rematar o próximo 5 de decembro, Insua preguntou que medidas está adoptando a Xunta para cumprir estas obrigas e planificar os desprazamentos do persoal dos centros públicos.

Para o BNG, resulta necesario elaborar un estudo integral da mobilidade laboral das empregadas e empregados públicos residentes en Bergantiños e na Costa da Morte, así como reforzar a coordinación entre os centros de traballo e os servizos de transporte.

O custo de depender do vehículo privado

A falta de conexións adaptadas ás quendas obriga moitos profesionais a utilizar o coche particular, cun impacto económico que inclúe combustible, mantemento e peaxes. Segundo o deputado, estas últimas poden supoñer arredor de 5,20 euros diarios na autoestrada AG-55.

A dependencia do vehículo privado tamén incrementa os desprazamentos individuais, a conxestión e as emisións, ademais de agravar os problemas de aparcamento nas contornas hospitalarias e aumentar a exposición aos riscos dos desprazamentos laborais.

O BNG destaca, ademais, que a demanda social avala a necesidade dunha solución colectiva: máis de 300 persoas manifestaron o seu interese nun servizo compatible cos seus horarios de entrada e saída.

Por iso, a formación nacionalista reclama analizar esta demanda, impulsar os Plans de Mobilidade Sostible ao Traballo e revisar e reforzar as conexións coa Coruña, mediante máis frecuencias directas e servizos nas franxas horarias de maior demanda.

«Falamos de persoas que sosteñen o sistema público de saúde e que se atopan con que o transporte público non llo pon doado», concluíu Insua. «A cohesión territorial tamén significa garantir que quen traballa nun hospital poida chegar a tempo, con seguridade e sen ter que pagar peaxes e aparcamento todos os días».