O BNG da Laracha denuncia que o goberno do PP incumpre desde hai anos as súas obrigas de transparencia ante o Consello de Contas

Carolina Castiñeiras esixe explicacións ao alcalde e reclama responsabilidades políticas pola falta de remisión da información obrigatoria sobre contratos e convenios municipais.

A Laracha, 26 de novembro de 2026.

O BNG da Laracha denuncia o incumprimento reiterado das obrigas legais de transparencia e rendición de contas por parte do goberno municipal do Partido Popular, que, segundo constata o Consello de Contas de Galicia, nunca remitiu a información obrigatoria relativa aos contratos públicos e aos convenios municipais, malia os requirimentos realizados ano tras ano polo organismo fiscalizador.

Así o recollen dúas comunicacións remitidas ao Concello da Laracha o pasado 2 de novembro, nas que o Consello de Contas confirma que a Administración local non cumpriu con esta obriga legal desde que resulta esixible. Unha situación que, segundo o órgano fiscalizador, dificulta o exercicio das súas funcións de control externo sobre a xestión municipal.

A portavoz municipal do BNG e candidata á Alcaldía, Carolina Castiñeiras, considera especialmente grave que o alcalde tratase de xustificar no Pleno esta situación como un suposto erro informático.

«Non estamos diante dun esquecemento puntual nin dun simple atraso administrativo, e moito menos dun erro informático, como afirmou hoxe o alcalde no Pleno. Estamos diante dun incumprimento sistemático das obrigas legais durante anos. É dunha enorme gravidade que o goberno municipal desatenda reiteradamente os requirimentos do organismo encargado de fiscalizar a súa xestión e que, ademais, pretenda responsabilizar o funcionariado», sinala Castiñeiras.

O Consello de Contas advirte de que o Concello incumpriu tanto a Lei de Contratos do Sector Público como a Lei de Réxime Xurídico do Sector Público, así como o deber de colaboración co propio organismo fiscalizador. Por este motivo, require a regularización inmediata da situación e anuncia que A Laracha figurará na relación pública de entidades incumpridoras, que será comunicada ao Parlamento de Galicia, á Xunta, á Deputación da Coruña e á Federación Galega de Municipios e Provincias.

Desde o BNG lembran que a transparencia non é unha opción política, senón unha obriga legal e unha garantía democrática para a cidadanía.

«A transparencia é unha obriga legal e un dereito da veciñanza. Quen administra recursos públicos ten a obriga de render contas sobre como os xestiona», subliña a portavoz nacionalista.

O BNG reclama explicacións e responsabilidades políticas

Ante esta situación, o BNG da Laracha esixe ao alcalde que dea explicacións públicas sobre os motivos polos que o Concello leva anos sen cumprir coas súas obrigas de remisión de información ao Consello de Contas, que asuma as responsabilidades políticas que correspondan e que proceda de inmediato ao envío de toda a documentación pendente.

A formación nacionalista tamén critica a forma na que o goberno municipal trasladou esta información á oposición, ao remitila o mesmo día da celebración do Pleno extraordinario no que se deu conta dela por imperativo legal, sen deixar marxe suficiente para examinar a documentación con antelación.

Para Castiñeiras, esta maneira de proceder evidencia unha falta de transparencia e de respecto ao labor de fiscalización da oposición, ao dificultar que se poida analizar con rigor un asunto de especial relevancia para a xestión dos recursos públicos municipais.

«A Laracha merece un goberno transparente, responsable e respectuoso cos mecanismos de control da xestión pública. O cumprimento da legalidade non pode depender da vontade de quen goberna», conclúe Carolina Castiñeiras.