
A formación nacionalista alerta do estado do centro no inicio do curso e cuestiona que a reforma poida rematar nos prazos previstos
Camariñas, 10 de setembro de 2026. O BNG de Camariñas criticou a xestión das obras de reforma do CEIP O Areal, que, segundo sinala a formación nacionalista, iniciou o curso escolar nunhas condicións que están a dificultar o normal desenvolvemento da actividade da comunidade educativa.
Os nacionalistas denuncian que os traballos de rehabilitación, iniciados no mes de xullo, non avanzaron ao ritmo esperado durante os meses de verán, polo que consideran que existe incerteza sobre o cumprimento do prazo de execución previsto, que sitúa a finalización da reforma no mes de xaneiro.
Un dos aspectos que o BNG considera máis preocupantes é a presenza de material de amianto depositado nun patio interior do centro, que, segundo a formación, debería ter sido retirado antes do inicio das clases. A situación das obras tamén estaría a limitar os espazos dispoñibles para o recreo do alumnado.
“Non é normal que comece o curso escolar así, co desastre que hai no colexio tanto por dentro como por fóra”, afirmou o BNG, que tamén sinalou que xa se produciron protestas por parte de familias do alumnado ante a situación do centro.
A formación nacionalista reclama á Xunta de Galicia que adopte as medidas necesarias para atopar unha solución e garantir que os traballos poidan continuar causando as menores molestias posibles á comunidade educativa.
O BNG considera que a reforma do CEIP O Areal é unha actuación necesaria, pero reclama que a súa execución se desenvolva de maneira que permita compatibilizar as obras coa actividade lectiva e garantir unhas condicións axeitadas para o alumnado, o profesorado e as familias durante o período de rehabilitación.

