O BNG de Cee insiste en pedir á Xunta a mellora urxente da seguridade viaria na AC-445 ao seu paso por Estorde

Os nacionalistas indican que “a necesidade de colocar pasos de peóns e de reducir a velocidade a 50 km/h ten máis sentido que nunca logo da instalación de marquesiñas no lugar”

Cee, 22 de abril de 2026. O BNG vén de reiterar a demanda realizada á Xunta de Galiza para que mellore de xeito urxente a seguridade viaria na AC-445 ao seu paso por Estorde, no termo municipal de Cee. O portavoz municipal da formación nacionalista, Serxio Domínguez Louro,  considera que “logo de que o goberno galego instalase no lugar hai uns meses dúas marquesiñas para as paradas de autobús, o máis lóxico é que se proceda a habilitar pasos de peóns para aquelas persoas que necesitan cruzar a estrada sen que se produza unha situación de perigo”.

O BNG lembrou que xa levou esta reclamación ao Parlamento galego  a través do deputado Oscar Insua. A última iniciativa do parlamentario nacionalista foi presentada en febreiro deste ano, tras a colocación das marquesiñas. A proposta tamén inclúe a redución da velocidade a 50 km/h, coa colocación dos sinais oportunos, para os vehículos que transiten polo lugar. Na actualidade pódese circular a 70 km/h.

A organización nacionalista sinalou que a vía AC-445, de titularidade autonómica, transcorre á altura de Estorde a escasos metros da praia que recibe o nome do lugar, e que en época estival é moi concorrida pola veciñanza da zona e visitantes que veranean no lugar e arredores, polo que “é preciso e urxente dotar de pasos de peóns para que os viandantes teñan máis seguridade, tal e como se fixo noutros tramos con idéntica necesidade”.

Domínguez Louro manifestou que “coa recente instalación en Estorde de dúas marquesiñas nas paradas de autobús e as correspondentes beirarrúas a cada lado delas, demóstrase que no lugar hai afluencia de xente, polo que a Xunta dá a razón ao BNG cando reclamábamos a necesidade de tomar medidas de seguridade”.

O voceiro do BNG de Cee insistiu en que “deberían colocarse pasos de peóns preto das marquesiñas e limitar a velocidade a 50 km/h, tendo en conta o tránsito de peóns, que se manifesta con máis intensidade no verán, ademais do fluxo de peregrinos e peregrinas que camiñan polo lugar e que teñen que cruzar a estrada”.

O portavoz nacionalista engadiu que “agardamos que a Xunta desta vez tome medidas e que non espere a que haxa unha morte, como aconteceu non hai tanto tempo na recta da Anchoa, en Fisterra; hai que actuar antes de que poida pasar algunha desgraza”.