
O BNG de Muxía expresou a súa fonda indignación polo comportamento do portavoz municipal do PSOE, Santiago Toba Campaña, durante a Comisión Informativa celebrada o pasado luns 13 de xullo. Segundo denuncia a formación nacionalista, Toba realizou «graves calumnias» contra a concelleira do BNG, Mercé Barrientos Varela, e a súa familia, nunha actitude que cualifican de «inaceptábel».
Desde o Bloque consideran que este episodio supón un novo exemplo das «reiteradas agresións» que, ao seu xuízo, está a sufrir a súa representante por parte do portavoz socialista, asegurando que se trata dun comportamento «impropio dun representante público».
Nun comunicado, o BNG afirma que non está disposto a tolerar máis este tipo de actuacións e reclama respecto institucional no desenvolvemento da actividade política municipal. A formación sostén que as desavinzas políticas deben desenvolverse desde o debate e a confrontación de ideas, sen recorrer a descalificacións persoais nin ataques contra familiares.
Así mesmo, os nacionalistas consideran que este comportamento debería provocar unha resposta por parte do PSOE, ao entender que resulta incompatible cos valores que, segundo indican, defende unha organización política que se define como progresista.
O BNG de Muxía non descarta adoptar as medidas que considere oportunas para defender a honra da súa concelleira e insiste na necesidade de preservar un clima de respecto nas institucións locais.