
A formación nacionalista critica o investimento de case 200.000 euros para cementar un camiño transitable que conduce ás dunas da Barra, nunha zona protexida pola Rede Natura 2000.*
O BNG de Ponteceso denuncia unha nova intervención que considera prexudicial para o patrimonio natural do municipio. Desta vez, a crítica céntrase no proxecto de encementado dun tramo do camiño que vai desde Currás cara á Barra, nunha contorna de especial valor ecolóxico.
A formación nacionalista lembra que esta actuación pretende estender a intervención realizada no Paseo Fluvial cara a Canteira, cuxo resultado xa recibiu as súas críticas pola transformación artificial da paisaxe. Segundo denuncia o BNG, o Goberno local pretende agora repetir este modelo nun novo quilómetro de senda.
O grupo advirte de que o trazado afectado atravesa unha zona especialmente sensible, incluída nos espazos da Rede Natura 2000 e sometida a figuras de protección ambiental como a Zona de Especial Conservación (ZEC) e a Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA).
Ademais, o camiño conduce ás dunas da Barra, un espazo de interese para a conservación da biodiversidade no que aniña a píllara das dunas, unha ave ameazada que precisa de condicións ambientais favorables para a súa supervivencia.
O BNG cuestiona a necesidade dunha obra que, segundo sinala, suporía un investimento próximo aos 200.000 euros nun camiño que xa é perfectamente transitable. A formación considera que a actuación carece de xustificación suficiente e alerta das consecuencias que pode ter a introdución de elementos artificiais nunha contorna de elevado valor natural.
Desde o BNG de Ponteceso defenden que a mellor maneira de preservar a paisaxe e a biodiversidade destes espazos é evitar intervencións artificiais innecesarias. Por iso, reclaman unha maior sensibilidade ambiental na xestión municipal e apostan pola conservación da contorna natural fronte a proxectos que, ao seu xuízo, poden alterar innecesariamente o territorio.
A formación nacionalista insiste en que a protección dos espazos naturais debe ser unha prioridade nas decisións do Concello, especialmente cando están en xogo hábitats sensibles e especies ameazadas como a píllara das dunas.
