
O BNG de Ribeira fixo balance dunha fin de semana marcada pola participación veciñal, o deporte, a cultura, a solidariedade e o traballo das entidades locais. Diferentes representantes e compañeiros e compañeiras da formación achegáronse a varias das actividades desenvolvidas no municipio para acompañar a veciñanza e amosar o seu apoio ás iniciativas que contribúen a facer unha Ribeira máis activa, participativa e cohesionada.
Unha das citas destacadas foi a comida organizada pola Asociación Amas de Casa, que reuniu máis de 300 persoas nunha xornada de encontro e convivencia, acompañada dun xantar e dunha sesión de baile. O portavoz municipal, Luís Pérez, e a concelleira Cruz Rivadulla participaron no encontro e quixeron trasladar o seu apoio ao labor desenvolvido pola asociación.
Tamén houbo espazo para a saúde mental coa celebración do III Festival Tolemias Hailas, organizado pola Asociación A Creba. A iniciativa busca dar visibilidade ao traballo que desenvolve a entidade no ámbito da saúde mental e contribuír á normalización da participación e do lecer compartido en comunidade. A concelleira Cruz Rivadulla e o compañeiro do BNG Jonny Romay estiveron presentes nesta actividade.
No ámbito deportivo, a XXII Andaina 50K de Ribeira congregou numerosas persoas nunha proba organizada polo Concello de Ribeira e a Asociación de Veciños e Veciñas de Carreira. Os compañeiros do BNG José Sanmiguel e Diego Carballo participaron nesta cita deportiva.
A música e a cultura galega tamén tiveron o seu protagonismo durante a fin de semana. Os compañeiros Juanma e Maruxa achegáronse á praza de Teruel para desfrutar do Festival Etal Equal, unha proposta que volve apostar pola música, pola creación e, especialmente, polo talento galego.
A solidariedade estivo presente na andaina organizada pola Asociación Española Contra o Cancro (AECC) en Aguiño, destinada á recadación de fondos para a loita contra o cancro. Os compañeiros do BNG Juanma e Carmen participaron na actividade, que contou cunha boa afluencia de persoas. Desde o BNG quixeron ademais recoñecer especialmente a figura de Rosa Vidal, veciña moi vinculada á parroquia de Aguiño, tanto pola súa actividade profesional como pola súa implicación co fútbol e coa música. A formación trasladoulle os seus parabéns e recoñecemento.
Finalmente, a fin de semana pechouse tamén con música no Quimera Fest, celebrado en Coroso coa intención de poñer o broche final ao verán. Chema, Manu e Maruxa estiveron presentes nesta cita, que contou coas actuacións de Moon Cresta e dos DJs Landeira e Chuculú.
Desde o BNG destacan a importancia de acompañar as iniciativas promovidas polas asociacións, colectivos e veciñanza de Ribeira, recoñecendo o seu papel fundamental na dinamización social, cultural, deportiva e solidaria do municipio.
Unha fin de semana, en definitiva, de participación e encontro coa veciñanza, apoiando todas esas iniciativas que fan de Ribeira unha cidade máis viva e, sobre todo, unha Ribeira en grande.
