
A formación nacionalista presentará unha queixa formal no Concello para reclamar explicacións sobre os criterios aplicados e pedir que se respecten as condicións recollidas no regulamento interno.
Vimianzo, 31 de outubro de 2026. O BNG de Vimianzo denuncia a falta de flexibilidade nos horarios e nas normas de funcionamento da Escola Infantil Municipal Os Vimianziños, tras recibir as queixas de varias familias usuarias do servizo, que alertan dun endurecemento dos criterios desde que a xestión do centro pasou a ser asumida directamente polo Concello.
Un dos principais motivos de preocupación está relacionado cos horarios de entrada. Segundo trasladan as familias, a dirección estaría aplicando unha marxe máxima de 15 minutos e rexistrando os atrasos. Porén, o BNG lembra que o artigo 24 do Regulamento de Réxime Interno, publicado no Boletín Oficial da Provincia (BOP) o 18 de febreiro de 2025, establece unha entrada flexible pola mañá ata as 10:15 horas e sinala que os horarios deben adaptarse ás necesidades familiares, sempre que non se altere o funcionamento normal do centro.
Outra das cuestións que está a xerar malestar é a solicitude de xustificantes médicos para xustificar as faltas de asistencia dos nenos e nenas. As familias consideran esta esixencia excesiva, especialmente cando deciden deixar as crianzas na casa por precaución ante os primeiros síntomas de malestar, sen que iso implique necesariamente unha consulta médica.
Desde o BNG consideran que este tipo de criterios introducen unha rixidez innecesaria nun servizo público que debe ter entre as súas prioridades facilitar a conciliación da vida laboral e familiar. A formación nacionalista entende que é necesario contar con normas de organización e convivencia, pero defende que estas deben aplicarse con proporcionalidade, sentido común e respecto ás circunstancias particulares das familias con crianzas de 0 a 3 anos.
Por este motivo, o BNG de Vimianzo anuncia que presentará unha queixa formal no Rexistro municipal para solicitar explicacións sobre os criterios que se están aplicando, os fundamentos normativos nos que se apoian e os protocolos que regulan estas actuacións.
Ademais, a formación solicitará que esta cuestión se inclúa na orde do día do próximo Pleno municipal, se fose necesario, co obxectivo de reclamar explicacións ao goberno local e defender que a Escola Infantil Os Vimianziños funcione de acordo co seu propio regulamento e coas necesidades reais das familias usuarias.
O BNG insiste en que unha escola infantil municipal debe ser un servizo público pensado para apoiar as familias e facilitar a conciliación, non unha fonte adicional de dificultades para as persoas que precisan deste recurso para compatibilizar o traballo e os coidados.
