
Oscar Insua pide recuperar os dous postos docentes suprimidos e revisar a organización das aulas para evitar agrupar o alumnado de 1º a 4º de Primaria nunha única clase
Vimianzo, 3 de setembro de 2026. O BNG levou ao Parlamento de Galicia a situación do CEIP de Baíñas ante a redución da súa dotación de profesorado para o curso 2026/2027. O deputado nacionalista Oscar Insua presentou varias iniciativas nas que reclama á Xunta que recupere os dous postos docentes suprimidos e que garanta os recursos necesarios para ofrecer unha atención educativa adecuada ao alumnado do centro.
Segundo denuncia a formación nacionalista, a Consellería de Educación reduciu a dotación do colexio de seis a catro docentes, a pesar de que o número de escolares se mantén practicamente estable, arredor dos 35 alumnos e alumnas.
O BNG considera que esta decisión ten consecuencias directas na organización das aulas. En Educación Infantil mantense a agrupación dos tres niveis nunha única aula, mentres que en Educación Primaria se pasa dos tres agrupamentos existentes no curso anterior —1º e 2º, 3º e 4º, e 5º e 6º— a só dous.
Deste xeito, o alumnado de 1º, 2º, 3º e 4º de Primaria queda agrupado nunha única aula, mentres que 5º e 6º comparten a segunda. Ante esta situación, Oscar Insua solicita que a Xunta revise a organización das unidades e procure evitar, na medida do posible, agrupamentos que reúnan alumnado de idades e niveis educativos tan diferentes.
O deputado tamén reclama a recuperación da dotación de profesorado existente no curso anterior, ao considerar que a estabilidade no número de alumnos debería ir acompañada dun mantemento dos recursos educativos.
O BNG reclama tamén un comedor escolar
As iniciativas presentadas no Parlamento galego inclúen igualmente a petición de implantar un servizo de comedor escolar no CEIP de Baíñas. O BNG pide á Xunta que estude con carácter prioritario a súa posta en funcionamento, ao considerar que sería unha medida de apoio ás familias, facilitaría a conciliación e podería contribuír a reforzar o propio centro educativo.
O portavoz municipal do BNG de Vimianzo, Benxamín Queiro, salientou a importancia de que a Xunta atenda as demandas da comunidade educativa e recupere os postos docentes eliminados.
“É fundamental que a Xunta teña en conta a iniciativa que o deputado Oscar Insua vén de presentar, e restableza as dúas prazas de docentes que se perden neste curso que vai a comezar”, afirmou.
Queiro tamén puxo o foco na ausencia dun servizo de comedor. Segundo o voceiro nacionalista, esta carencia está a influír nas decisións dalgunhas familias á hora de escolarizar os seus fillos e fillas no centro da parroquia.
“Hai moitas familias da parroquia de Baíñas que non matriculan aos seus fillos e fillas na escola da localidade porque precisamente non conta con este servizo, que é moi importante para a conciliación familiar”, sinalou.
O BNG defende así que o CEIP de Baíñas conte cunha dotación de persoal acorde coas necesidades do alumnado e reclama á Xunta medidas que permitan mellorar as condicións de escolarización e facer do centro unha opción máis atractiva para as familias da parroquia.
