
Oscar Insua reclama información pública sobre a tramitación ambiental e un calendario para a licitación das obras
Corcubión, 29 de setembro de 2026. O BNG reclama á Xunta de Galicia que acelere a tramitación da avaliación ambiental ordinaria (AAO) do proxecto do Porto Mixto de Corcubión e que facilite información detallada e pública sobre o estado do expediente. O deputado nacionalista Oscar Insua presentou diversas iniciativas no Parlamento galego nas que tamén demanda que o Goberno autonómico inclúa nos Orzamentos de 2027 unha partida económica suficiente e finalista para permitir avanzar cara á licitación das obras.
O proxecto do Porto Mixto atópase actualmente en fase de avaliación ambiental ordinaria, un trámite imprescindible para poder continuar coa súa tramitación administrativa e avanzar posteriormente cara á licitación e execución da infraestrutura.
O BNG pide á Xunta que informe sobre as distintas fases xa completadas desde o inicio da tramitación ambiental, en setembro de 2023, así como sobre a documentación elaborada, os informes emitidos e os trámites que permanecen pendentes. A formación nacionalista reclama tamén un calendario público que permita coñecer os prazos previstos para completar a avaliación ambiental, rematar a tramitación administrativa e iniciar o proceso de licitación.
Insua considera necesario que a Xunta concrete os prazos que manexa Portos de Galicia para completar o expediente e reclama que se eviten novos atrasos na materialización dun proxecto que, segundo lembra o BNG, acumula décadas de anuncios.
Reclaman unha partida específica nos Orzamentos de 2027
Outra das peticións formuladas polo deputado nacionalista é que os Orzamentos da Xunta para 2027 inclúan unha partida con dotación suficiente e carácter finalista para o Porto Mixto de Corcubión.
O obxectivo, segundo explica o BNG, é que, unha vez completados os trámites ambientais e administrativos necesarios, exista dispoñibilidade orzamentaria para afrontar a licitación e permitir o inicio das obras durante o vindeiro ano.
“Levamos 30 anos de promesas do porto deportivo, agora porto mixto, e o PP segue sen comprometerse con esta infraestrutura fundamental para o pobo de Corcubión e para toda a comarca”, afirmou Oscar Insua.
O parlamentario considera que a inclusión dunha partida nos próximos orzamentos permitiría comprobar se existe un compromiso efectivo da Xunta coa execución do proxecto.
O estudo de impacto económico, no centro das críticas
O BNG tamén reclama explicacións sobre o estudo de impacto económico do Porto Mixto, despois de que o Partido Popular informase recentemente da súa elaboración e avanzase a existencia de primeiras conclusións.
Segundo a formación nacionalista, representantes do PP da Costa da Morte terían coñecido esas primeiras conclusións antes da presentación pública da documentación. Ante esta situación, o BNG solicita á Xunta que explique o estado actual do estudo, a súa finalidade e se este documento forma parte da documentación ambiental ou administrativa do proxecto.
“Parece que Portos vai informando por capítulos, mais o que non é de recibo é que só facilite a información ao PP para que a use de forma partidista e electoralista”, sinalou Insua.
O deputado nacionalista defende que a cidadanía debe poder acceder á información relativa á tramitación do proxecto e coñecer o seu estado real.
“Máis alá desta anormalidade administrativa, todos os veciños e veciñas temos dereito a ter e ver esa información e como está a tramitación para saber se é certo o que din, ou se todo son mentiras e todo queda noutra promesa, sen cartos nos vindeiros orzamentos, que é o que volvemos a pedir dende o BNG”, concluíu.
As iniciativas parlamentarias do BNG buscan así que a Xunta concrete o estado da avaliación ambiental, faga públicos os prazos previstos para completar a tramitación e determine o compromiso económico co Porto Mixto de Corcubión nos Orzamentos de 2027.
