O BNG reclama iniciar xa a segunda fase da prolongación da AG-55 ata Berdoias para executala ao tempo que o primeiro tramo

Costa da Morte, 1 de xullo de 2026. O deputado do BNG pola Costa da Morte e Bergantiños, Oscar Insua, reclamou á Xunta de Galiza que inicie de maneira inmediata a tramitación da segunda fase da prolongación da AG-55, entre a AC-432, en Calo (Vimianzo), e o cruce de Berdoias, co obxectivo de que as obras poidan executarse de forma simultánea ás do primeiro tramo, entre Santa Eirena e a AC-432, cuxo inicio está previsto para este verán.

A petición foi formulada durante a Comisión 2ª de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos do Parlamento de Galicia, onde Insua interpelou á directora da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), María Deza Martínez. A responsable do organismo confirmou que a Xunta está a traballar na licitación do proxecto construtivo correspondente á segunda fase da ampliación.

O parlamentario nacionalista considerou insuficiente este anuncio e lamentou que o proxecto aínda non estea redactado, malia que a Xunta xa licitara esta actuación en tres ocasións anos atrás. «Tendo en conta que xa existen obras de desmonte no trazado, todo o mundo pensaba que o proxecto estaba feito e só quedaba actualizalo», sinalou, ao tempo que instou o Goberno galego a «axilizar a súa tramitación canto antes».

Insua insistiu en que a Costa da Morte non pode agardar ata 2029 para iniciar a segunda fase da infraestrutura. Segundo advertiu, retrasar a súa execución provocará un importante problema de mobilidade, xa que o cruzamento de Vimianzo cara a Camariñas podería converterse nun punto de forte conxestión do tráfico cando entre en funcionamento o primeiro tramo.

O deputado tamén alertou do risco de que os custos da obra continúen incrementándose co paso do tempo, lembrando que o primeiro tramo viu aumentado o seu orzamento en arredor de oito millóns de euros respecto da previsión inicial.

Durante a súa intervención, o representante do BNG volveu criticar que a prolongación da AG-55 se execute en formato de corredor, cun carril por sentido, e non como autovía. Ao seu xuízo, trátase dunha decisión «exclusiva da Xunta do PP», que supón un novo agravio para a comarca.

«Merecemos respecto e un trato igualitario, porque pagamos os mesmos impostos que o resto das comarcas do país», afirmou Insua, quen lembrou que a Costa da Morte continúa sendo a única comarca de toda a costa atlántica galega sen conexión directa co eixo atlántico.

O deputado nacionalista tamén fixo balance dos compromisos incumpridos da Xunta en materia de infraestruturas. Recordou que transcorreron máis de dúas décadas desde o anuncio do Plan Galicia tras a catástrofe do Prestige e denunciou que continúan sen executarse actuacións fundamentais recollidas posteriormente no Plan MOVE de 2010, como a prolongación da AG-55 ata Cee e o porto de Brens.

Por todo iso, o BNG reclamou ao Executivo galego que reserve xa nos orzamentos de 2027 unha partida económica suficiente para licitar e iniciar a segunda fase da prolongación da AG-55 ao mesmo tempo que se desenvolven as obras do primeiro tramo, evitando novos retrasos nunha infraestrutura que consideran estratéxica para o desenvolvemento económico e a mellora da mobilidade da Costa da Morte.