O Concello da Baña remata as obras de abastecemento de auga en Nantón

A actuación supuxo un investimento municipal de 159.431,34 euros e permitirá mellorar a dotación de servizos básicos na localidade

O Concello da Baña vén de finalizar as obras de abastecemento de auga en Nantón, unha actuación que contou cun investimento municipal de 159.431,34 euros e que permitirá avanzar na dotación de servizos básicos e indispensables para a veciñanza.

A intervención permitirá mellorar a infraestrutura de abastecemento e facilitar o acceso á rede municipal de auga ás vivendas da zona, contribuíndo así á mellora dos servizos públicos e da calidade de vida nos núcleos de poboación do municipio.

As persoas interesadas en conectar as súas vivendas á rede municipal deberán realizar os correspondentes trámites coa empresa concesionaria do servizo, Espina & Delfín.

Para facilitar estas xestións, a empresa ofrecerá atención presencial os xoves, de 11.00 a 13.30 horas, na oficina situada na rúa Tedelle, no edificio da Escola de Música Emilio Andújar.

As persoas interesadas tamén poden contactar telefonicamente a través dos seguintes números:

  • Oficina da Baña: 981 88 65 01
  • Oficina de Negreira: 981 88 15 69

Desde o Concello da Baña destacan que esta actuación forma parte do compromiso municipal coa mellora e ampliación dos servizos públicos, especialmente daqueles considerados fundamentais para garantir unhas condicións axeitadas de vida e favorecer o desenvolvemento dos núcleos rurais.

Con esta actuación, o Concello continúa avanzando na mellora das infraestruturas municipais e na prestación de servizos básicos para a veciñanza.