O Concello da Laracha mellorará a eficiencia enerxética do Centro Sociocultural da Insua

O Concello mellorará a eficiencia enerxética deste edificio. Actualmente está dividido en dúas partes independentes que acollen o consultorio médico de Caión e actividade do tecido asociativo da localidade, ademais do curso de manualidades e pintura ao óleo organizado polo Concello.

 O alcalde, José Manuel López, a concelleira de Cultura e Deportes, Patricia Bello, e a edil de Sanidade, Rocío López, mantiveron un encontro nas propias instalacións para explicarlles as actuacións a realizar á doutora e á enfermeira do consultorio de Caión -Laura Martínez e Sabela Gómez-, á coordinadora de enfermería do servizo de atención primaria da Laracha -Ángela Martín- e ao directivo do Club do Mar Pancho Suárez.

 Renovarase a envolvente térmica coa instalación dun sistema de illamento exterior mediante SATE e substituiranse os actuais radiadores por un sistema de aerotermia con bomba de calor para manter unha temperatura interior máis estable no verán e no inverno . Ademais de aumentar o confort das persoas usuarias, estímase nun 42 % a reducción do consumo enerxético.

 O orzamento total da actuación ascende a 146.491 euros, dos cales a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes achegará 107.063,92 euros.