O Concello de Neda inicia a limpeza do río Basteiro entre As Augas e Santa María

O Concello de Neda iniciou os traballos de limpeza do río Basteiro, entre os lugares das Augas e Santa María, tal e como anunciara no pleno municipal do pasado mes de agosto.

As actuacións, autorizadas por Augas de Galicia, inclúen a roza da vexetación leñosa e herbácea presente no leito do regato e nos muros da canle, así como a retirada da vexetación das marxes, restos vexetais mortos e lixo acumulado.

A intervención responde á proliferación de plantas halófilas no leito do río, favorecida pola diminución do caudal e da velocidade da corrente tras as obras de eliminación do azud de Pontegrande.

Co obxectivo de manter o curso fluvial en condicións axeitadas, o goberno local pretende realizar dúas limpezas ao ano nesta zona, contribuíndo así á conservación da canle e das súas marxes.