O Concello de Val do Dubra adquire unha parcela xunto á igrexa de Bembibre para crear un novo espazo de aparcadoiro e uso público

O Concello de Val do Dubra adquiriu a ABANCA unha parcela situada xunto á igrexa de Bembibre por un importe de 32.500 euros, co obxectivo de mellorar a accesibilidade e ampliar as posibilidades de estacionamento nesta contorna.

Trátase dun emprazamento estratéxico, pola súa proximidade a importantes servizos e equipamentos públicos da parroquia, como a Escola Infantil, o Auditorio, o Centro de Día, o Centro de Formación, o CPI de Bembibre e a propia igrexa.

A adquisición deste terreo permitirá habilitar un novo espazo destinado ao aparcadoiro e ao uso público, contribuíndo a facilitar os desprazamentos e mellorar a mobilidade das persoas que acoden diariamente a estas instalacións.

Neste momento, o Concello xa está a traballar na elaboración do proxecto de obras necesario para acondicionar a parcela. A previsión municipal é poder executar os traballos nos próximos meses.

Con esta actuación, o Concello de Val do Dubra continúa avanzando na mellora dos espazos públicos, das infraestruturas e dos servizos municipais, dando resposta ás necesidades da veciñanza e favorecendo unha contorna máis accesible e funcional en Bembibre.