O Concello solicitará á Xunta a convocatoria da comisión de seguimento das obras do Novo Chuac, para aclarar os prazos reais da súa execución

José Manuel Lage asistiu hoxe ao acto de supervisión das obras de execución do Novo Chuac

O concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, e voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, tomou parte esta mañá no acto de supervisión do acceso provisional habilitado desde a AC-10 ao CHUAC, unha intervención que forma parte das obras de execución do Novo CHUAC, obras que, tal e como indicou Lage, «vemos con preocupación porque vemos que non se van cumprir os prazos cando a Xunta anunciou en 2022 que o 80% dos traballos estarían listos neste ano 2025».

No acto desta mañá, no que tamén participou o director da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Francisco Menéndez, Lage adiantou que o Concello solicitará á Xunta a convocatoria da comisión de seguimento das obras, co obxectivo de aclarar os prazos reais do futuro centro hospitalario coruñés: «É o momento de facer unha reflexión. As coruñesas e coruñeses non merecen vivir situacións destas características».

O voceiro do Goberno municipal recalcou que «hai cooperación institucional», mais tamén lembrou que o Concello ten posto 22 millóns de euros para cofinanciar unha actuación que é de carácter autonómico. «Non se están a cumprir os prazos e, polo tanto, é o momento de que se diga a verdade e que se lle explique á cidadanía cando estará rematado o Novo CHUAC», instou Lage.

O concelleiro puxo en valor o traballo das e dos profesionais hospitalarios, apuntando que «o CHUAC é o hospital de referencia en Galicia e o no noroeste de España, e sendo o último sobre o que actúa a Xunta, temos que ser esixentes e contar con certidume, con cifras e datos que permitan saber cando contaremos coas infraestruturas hospitalarias. O Concello ten a man tendida, con respecto, esixencia e rigor».

Apoio ás demandas da UDC sobre os estudos de Medicina

Tamén esta mañá, Lage subliñou o compromiso do Concello coa proposta da Universidade da Coruña (UDC) de contar cunha facultade de Medicina na Coruña.

«Defendemos esta iniciativa, que tamén ten apoiado o Colexio de Médicos e unha gran cantidade de profesionais. Se os responsables do Goberno autonómico apostan por manter os estudios de Medicina única e exclusivamente en Santiago, isto sitúa a cada un no seu sitio. A realidade é que non estamos en 1990, senón en 2025, e A Coruña ten un sector público moi potente no ámbito sanitario e tamén un sector privado moi relevante. Isto, xunto a outra moitas circunstancias, respalda unha iniciativa que o Goberno de Inés Rey seguirá a apoiar», dixo Lage.