O Depor non pasa do empate ante o Burgos CF

O equipo de Antonio Hidalgo non pasou do empate no seu debut como local e mostrou carencias ofensivas.

O Deportivo arrincou a tempada en Riazor cun empate que deixou á afección con sabor a pouco. O 0-0 fronte ao Burgos reflectiu o que se viu sobre o céspede: un conxunto que aínda necesita tempo para consolidar as ideas de Antonio Hidalgo e que, por momentos, lembrou demasiado á versión do pasado curso.

O partido empezou con forza. Apenas se cumpría o minuto dous cando Yeremay estivo a piques de abrir o marcador cunha xenialidade dentro da área. A súa vaselina superou ao porteiro Canteiro, pero o balón estrelouse no traveseiro.

Unha acción que parecía presaxiar un encontro vibrante, aínda que co paso dos minutos apagouse. Luismi Cruz e Zakaria tentaron dar continuidade ao dominio inicial, pero o Burgos reaccionou pouco despois. Primeiro cun disparo de Morante que esixiu a Germán Parreño e logo cun par de chegadas que acenderon as alarmas na bancada. O tramo final da primeira parte foi plano, con interrupcións constantes e sen apenas ritmo. Tras o descanso, o Burgos volveu golpear primeiro.

Un derechazo de David González puxo a proba a concentración branquiazul. A resposta do Dépor chegou nun intercambio de chegadas que incluíu un remate alto de Yeremay e unha falta lateral que Gragera non logrou conectar por moi pouco. Foron os minutos máis intensos da segunda parte. Os cambios de Hidalgo tampouco conseguiron alterar demasiado o guion.

A entrada de Charlie Patiño levantou á bancada, pero o inglés só puido deixar pinceladas de calidade sen chegar a xerar perigo real. Na recta final, unha posible contra conducida por Parreño acabou diluíndose nun mal control de Yeremay, símbolo dun Dépor aínda en fase de probas. O equipo coruñés suma así un punto na súa estrea como local.

A boa noticia é que mantén a portería a cero; a mala, que as dúbidas en ataque persisten e a primeira cita en Riazor non deixou grandes recordos. Con toda a liga por diante, o obxectivo agora é transformar a solidez en ocasións e goles.