O Día da Muller Rural enche de música e tradición o parque da Torre de Celas

Culleredo celebra o Día da Muller Rural cunha xornada de música, artesanía e reivindicación do papel das mulleres no agro e na vida das parroquias.

O parque da Torre de Celas converteuse no escenario dunha celebración chea de música, artesanía e tradición con motivo do Día da Muller Rural. A iniciativa, organizada polo Concello de Culleredo en colaboración coa asociación As Berenguelas, puxo en valor o traballo, a dedicación e a contribución das mulleres ao desenvolvemento do rural.

A xornada serviu tamén para reivindicar o papel fundamental das mulleres no sector agrario, na conservación das tradicións e na dinamización da vida social e cultural das parroquias. A través desta celebración, púxose o foco na importancia de recoñecer o seu labor e garantir a continuidade dun legado esencial para a identidade do municipio.

O alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo Castro, achegouse ata Celas para acompañar as persoas participantes e expresar o seu agradecemento ás mulleres rurais polo seu incansable traballo e polo seu compromiso coa cultura e coas tradicións.

A celebración reafirmou así o recoñecemento ás mulleres do rural, protagonistas imprescindibles da historia, do presente e do futuro de Culleredo.