
Máis de 50 plataformas, asociacións e colectivos participaron durante a fin de semana en Santiago de Arcos, mentres outras 35 organizacións trasladaron o seu apoio á convocatoria
Mazaricos, 6 de setembro de 2026.– O IV Encontro Burla Verde pechou este domingo en Santiago de Arcos, Mazaricos, tras dous días de formación, debate, reivindicación, cultura e convivencia arredor da defensa do territorio. Máis de 50 plataformas, asociacións e colectivos procedentes de diferentes puntos de Galicia participaron na convocatoria, organizada nesta edición pola Plataforma Salvemos A Ruña, mentres outras 35 organizacións que non puideron desprazarse trasladaron o seu apoio e adhesión.
A cita deixou unha mensaxe común: o rural galego segue vivo, está organizado e non está disposto a renunciar ao dereito a decidir sobre o seu territorio e o seu futuro.
O encontro celebrouse nun territorio que concentra boa parte das presións que afronta actualmente o rural galego. Sobre Mazaricos e a súa contorna planean proxectos como o polígono eólico Alvite II, A Ruña III, unha central hidroeléctrica reversible na Ruña e plantas de dixestión anaeróbica de residuos agroindustriais previstas nas Maroñas e Fornís, ademais doutras iniciativas deste tipo das que tivo coñecemento a veciñanza.
Para a organización, esta realidade non debe converter o rural nun territorio condenado á resistencia permanente, senón reforzar a súa capacidade para organizarse e defenderse.
“Defender a terra é autodefensa. É coidarnos, querernos, valorar o lugar no que vivimos e defender o noso dereito a seguir vivindo nel. O rural non é un espazo baleiro nin unha reserva de recursos ao servizo de intereses alleos: hai xente, hai memoria, hai comunidade e hai futuro.”
Formación xurídica para defender o territorio
A programación comezou o sábado cun Obradoiro Xurídico, no que un letrado e a presidenta de Ecoloxistas Galiza Atlántica e Verde (EGAV) explicaron as principais ferramentas administrativas e xudiciais ao alcance dos colectivos para defender o territorio.
A sesión percorreu desde a presentación de alegacións e recursos ata o acceso á xustiza gratuíta e a vía contencioso-administrativa ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. O interese suscitado pola actividade levou tamén a que, unha vez rematada, se mantivesen encontros máis específicos entre o letrado e representantes de diferentes colectivos.
No Espazo Ecoloxista, representantes de Altri Non, Ecoloxistas Galiza Atlántica e Verde, Carme Varela e Tonio Nogueira compartiron experiencias de organización e defensa territorial. O debate permitiu tamén cuestionar o modelo económico e territorial que, segundo os participantes, se presenta frecuentemente como inevitable ou sostible.
Os colectivos puxeron sobre a mesa o peso dos grandes intereses económicos, os lobbies empresariais e as portas xiratorias nas decisións que afectan ao futuro do rural galego.
Ciencia e territorio
Outro dos momentos destacados da primeira xornada foi a conferencia do catedrático Juan Ramón Vidal Romaní, centrada nos riscos asociados ás centrais hidroeléctricas reversibles.
Desde unha perspectiva científica e cunha linguaxe accesible, Vidal Romaní abordou cuestións relacionadas coa seguridade destas infraestruturas, a súa dimensión territorial e os efectos que poden ter sobre a xestión da auga. A intervención adquiriu especial relevancia nun territorio ameazado precisamente por un proxecto destas características.
A programación combinou estes contidos con momentos de convivencia. A sesión vermú con Outro e Federico Pérez, acompañada de música folk, deu paso a un xantar e a unha regueifa na que acabou participando espontaneamente parte da veciñanza.
Máis de 50 colectivos comparten experiencias
Pola tarde celebrouse o Foro do Territorio, un dos principais espazos do encontro. Os colectivos participantes centraron as súas intervencións non só nos impactos dos proxectos aos que se opoñen, senón tamén nas ferramentas empregadas, nos erros cometidos, nas aprendizaxes adquiridas e nas necesidades que afrontan actualmente.
Entre as propostas xurdidas durante o foro destacou a creación dunha TV Rural, unha ferramenta audiovisual de carácter formativo, divulgativo e comarcal na que poidan participar colectivos de diferentes ámbitos para contar directamente a realidade dos territorios.
A comunicación foi precisamente unha das cuestións presentes no encontro. A organización lamentou que a Televisión de Galicia non acudise a Santiago de Arcos para cubrir unha convocatoria que reuniu decenas de organizacións de diferentes puntos do país.
Desde o Burla Verde sinalaron que non reclaman un tratamento favorable, senón que os conflitos do rural e as persoas que os protagonizan formen parte da información pública galega.
Tamén se fixo referencia á ausencia de representantes políticos convidados ao encontro. Segundo a organización, ningún deles asistiu nin comunicou previamente a súa ausencia.
“É especialmente difícil entender que quen ten responsabilidades públicas non considere necesario sentarse a escoitar a persoas chegadas de tantos territorios de Galicia. Falar do rural é fácil; vir ao rural, escoitar e responder preguntas xa parece resultar bastante máis complicado.”
Unha andaina para coñecer A Ruña
Mentres se desenvolvía o Foro do Territorio, arredor de 50 persoas participaron nunha andaina á Ruña para coñecer directamente o espazo afectado polos proxectos previstos e comprender sobre o terreo a dimensión das actuacións que poderían transformar a zona.
Coa caída do sol proxectáronse os traballos audiovisuais sobre A Ruña realizados por Roberto Vilela e Paco Perú.
A xornada rematou coa música de Yas de Luaces, Zeltia Irevire e Baralhete Sound System, nunha noite na que a reivindicación compartiu espazo coa celebración e a convivencia.
Para a organización, esta combinación forma parte da propia filosofía do Burla Verde.
“Necesitamos momentos para aprender e organizarnos, pero tamén necesitamos atoparnos, rir, bailar e recuperar forzas. A defensa do territorio non pode consistir só en vivir preocupados polo seguinte proxecto que aparece no DOG. Tamén defendemos a terra cando a vivimos e a desfrutamos xuntas.”
A veciñanza toma a palabra
A segunda xornada comezou cunha mesa redonda con café na que participaron os colectivos locais Salvemos A Ruña, Boca de Sapo e Vendaval. As organizacións explicaron como se viven desde dentro os diferentes conflitos territoriais e cal foi a súa relación coas administracións.
Durante as intervencións tamén se analizou o papel dos responsables políticos locais ante este tipo de proxectos. No caso da central hidroeléctrica reversible da Ruña, os participantes cuestionaron a actuación do goberno municipal e consideraron que a posición mantida pola Alcaldía foi máis favorable á implantación do proxecto que á defensa das preocupacións expresadas por parte da veciñanza.
A literatura e a cultura ocuparon tamén un espazo destacado. María Bella presentou Un Monte todos os Montes, mentres que o encontro Literatura e territorio: voces fronte ao espolio reivindicou o papel da literatura ambiental, a divulgación e a cultura como ferramentas para comprender e defender o territorio.
O teatro chegou da man do Grupo Troula, que representou Grazas, aquí estou ben, unha proposta composta por cinco pezas breves arredor de diferentes situacións e contradicións relacionadas coa defensa da terra.
As pandeireteiras da Asociación de Amas de Casa de Mazaricos puxeron música á clausura, antes dun último xantar de vagar que serviu para despedir esta cuarta edición.
Durante o sábado tamén houbo mesas informativas de colectivos procedentes de distintos puntos de Galicia, ademais de postos de artesanía e produtos ecolóxicos e de proximidade. O domingo, os libros tomaron o relevo coa Feira do Libro e a sinatura de exemplares.
“O rural segue vivo”
Para a organización, unha das principais imaxes que deixa esta cuarta edición non é só a das pancartas ou os debates, senón a das persoas procedentes de territorios diferentes compartindo contactos, documentos, experiencias e axuda.
“É o tecido que o Burla Verde pretende continuar construíndo”, sinalan.
A organización considera que detrás dos polígonos eólicos, das minas, das balsas, das liñas eléctricas, das plantas industriais e dos diferentes expedientes administrativos existe unha cuestión de fondo: quen decide como será o territorio no que vivimos e se o rural galego poderá seguir sendo un lugar para vivir ou converterse simplemente nun espazo do que extraer recursos.
Desde Mazaricos, os máis de 50 colectivos presentes e as organizacións que apoiaron a convocatoria reivindicaron unha resposta clara: o rural segue vivo, segue habitado, segue organizándose e segue loitando.
O Burla Verde, explican, non pretende ser nin o principio nin o final de ningunha loita.
“Nós chegamos a unha loita que xa viña de antes e outras persoas continuarán as que hoxe estamos dando. O importante é que o coñecemento, a solidariedade e a forza pasen dunhas ás outras. Mentres haxa territorio e xente disposta a defendelo, seguirá existindo o espírito do Burla Verde.”
E a mensaxe final da cuarta edición queda resumida nunha reivindicación: defender a terra é tamén defendernos a nós mesmas, coidarnos, querernos, valorarnos e seguir vivindo onde queremos vivir.
O rural non se vende. Deféndese.




