
O BNG logra o apoio unánime á súa iniciativa para que mariscadores e mergulladores poidan utilizar as instalacións construídas no porto en 2023
Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2026. O Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade unha iniciativa do BNG para que a Xunta dea unha solución ao problema dos vestiarios dos mariscadores e mergulladores da confraría de Corcubión e garanta unhas condicións laborais e sanitarias dignas.
O deputado do BNG pola Costa da Morte, Oscar Insua, denunciou na Comisión de Pesca que estes profesionais continúan sen poder utilizar unhas instalacións construídas no porto de Corcubión en 2023, que dispoñen de espazo suficiente, vestiarios e duchas.
“Falamos de persoas que traballan no mar e que, cando rematan a súa xornada, teñen dereito a poder cambiarse, asearse e ducharse en condicións adecuadas”, sinalou Insua.
Na actualidade, mariscadoras e mergulladores só dispoñen dun pequeno habitáculo duns catro metros cadrados situado detrás das oficinas da confraría, equipado cunha única ducha. Segundo explicou o deputado nacionalista, estas condicións dificultan que poidan cambiarse e asearse con normalidade antes e despois da súa actividade no mar.
Insua cuestionou que as instalacións construídas no porto estean sendo utilizadas exclusivamente polos mariñeiros dos barcos que atracan nel, mentres se impide o acceso aos mariscadores e mergulladores. O deputado lamentou, ademais, que o Goberno galego non aclarase por que estes profesionais non poden facer uso dos vestiarios construídos en 2023.
Un investimento de máis de 65.000 euros
O parlamentario do BNG lembrou que a Xunta destinou 65.230 euros, xunto con fondos europeos, a unha actuación destinada a modernizar as instalacións vinculadas á actividade pesqueira da lonxa e mellorar a seguridade e as condicións de traballo das persoas que desenvolven a súa actividade no porto.
O proxecto incluía un almacén de 120 metros cadrados, arquivo, vestiarios e aseos para a xente do mar.
“Como pode ser que, despois de anos, sigamos sen darlles unha solución?”, preguntou Insua, quen considerou especialmente grave que, malia existir xa unhas instalacións adecuadas, as mariscadoras e os mergulladores da confraría de Corcubión continúen sen poder utilizalas.
“Estamos falando de hixiene, seguridade, saúde laboral e, sobre todo, dignidade”, subliñou.
O deputado tamén criticou a resposta ofrecida polo Goberno galego, ao considerar que non ten sentido propoñer novas liñas de axudas para executar obras cando o problema podería resolverse utilizando unhas instalacións que xa existen.
“Se os vestiarios xa existen, por que a solución que se nos ofrece é volver falar de liñas de axudas para facer obras?”, cuestionou. Ao seu xuízo, “non se pode confundir unha liña de axudas cunha solución”.
O proxecto do GALP
Insua preguntou tamén pola incidencia que terá neste problema o proxecto da confraría de Corcubión incluído no marco do GALP Seo Fisterra-Río de Muros-Noia, que conta cunha axuda pública de 561.974,16 euros.
O deputado sinalou que na descrición pública do proxecto non aparecen os vestiarios nin as duchas entre as actuacións previstas e reclamou á Xunta que aclare se esta iniciativa permitirá resolver ou non a falta de instalacións adecuadas para os mariscadores.
Para o BNG, non resulta razoable mobilizar novos recursos públicos para solucionar unha cuestión que, segundo Insua, non require necesariamente outro investimento, senón a intervención da Xunta para mediar entre as partes e garantir o uso das instalacións xa existentes.
“Non necesitan novas instalacións”
Tras conseguir o apoio unánime do Parlamento, o deputado nacionalista reclamou á Xunta que asuma as súas responsabilidades e actúe con rapidez.
“Que fale coa confraría, con Portos, cos mariscadores e mariscadoras, que analice a situación das instalacións existentes e que determine a solución máis rápida e máis eficiente”, afirmou.
Insua agradeceu finalmente o apoio á iniciativa, malia considerar que a emenda presentada polo PP non daba resposta ao problema exposto.
“Os mergulladores e as mariscadoras non necesitan que lles prometamos novas instalacións, senón que lles deixen usar as que xa existen e poidan ter unhas condicións dignas de traballo”, concluíu.
