O Pleno municipal aproba novos recoñecementos de crédito mentres aumenta o debate político en Negreira

Apenas quince días despois de que o Goberno municipal, co alcalde á cabeza, levase a pleno ordinario un recoñecemento extraxudicial de crédito próximo aos 900.000 euros para facer fronte a facturas que superaban o orzamento municipal, a corporación local volveu reunirse nun pleno extraordinario para tratar o Plan de Obras e Servizos (POS).

Segundo denunciou a oposición, parte destes fondos —arredor de 420.000 euros— destinaranse novamente ao pagamento de facturas pendentes, o que, ao seu xuízo, reducirá a capacidade de investimento en obras e actuacións previstas inicialmente.

Desde a oposición considérase que esta situación evidencia unha xestión do gasto por riba do previsto e alertan de que o desvío de recursos cara a pagos atrasados pode repercutir no mantemento de infraestruturas municipais, tanto no casco urbano como nas parroquias e nas instalacións públicas.

Tamén critican o estado de conservación dalgúns espazos e servizos, sinalando que, nalgúns casos, as actuacións se produciron tras presión veciñal ou por necesidades urxentes.

No debate plenario tamén se abordou a recente subida de impostos aprobada co apoio do BNG e do Goberno municipal. A oposición votou en contra e cuestionou que, malia o incremento de ingresos, se continúe rexistrando un aumento do gasto e unha redución, ao seu entender, das transformacións visibles no municipio.

A sesión desenvolveuse nun clima de tensión política, marcado por reproches mutuos entre o executivo local e os grupos da oposición sobre a xestión económica, as prioridades de investimento e o papel de control político dentro da corporación.