

Obdulia Taboadela e Sindo Guinarte advirten de que un Goberno de PP e Vox podería poñer en risco o sistema público de pensións e os avances sociais acadados nos últimos anos
A Laracha, 15 de novembro de 2026.– O PSdeG fixo hoxe en A Laracha un chamamento á cidadanía para concentrar o voto no PSOE nas eleccións xerais do vindeiro 29 de novembro e garantir a defensa dun sistema público de pensións digno, sostible e que protexa o poder adquisitivo das persoas xubiladas.
Nun acto no que participaron a cabeza de lista ao Congreso pola provincia da Coruña, Obdulia Taboadela, e o candidato ao Senado, Sindo Guinarte, os socialistas advertiron das consecuencias que podería ter a chegada dun Goberno de PP e Vox para o futuro das pensións públicas e dos dereitos conquistados durante os últimos anos.
Taboadela reivindicou as políticas impulsadas polo Goberno de Pedro Sánchez para mellorar as prestacións e garantir que as persoas poidan afrontar a súa xubilación en condicións dignas, despois de toda unha vida de traballo. Neste sentido, destacou a importancia de manter a actualización das pensións conforme á lei e de protexer o seu poder adquisitivo fronte á evolución dos prezos.
A candidata socialista alertou de que un eventual Executivo de dereitas podería supoñer un cambio de modelo e abrir a porta aos recortes e á progresiva privatización das prestacións. “As persoas teñen que ter unha pensión digna para poder afrontar a última etapa da súa vida en condicións dignas”, afirmou, antes de advertir de que “o PP e Vox traen a motoserra e as ganas de recortar, ademais da intención de cambiar o sistema público por un privado de pensións”.
Pola súa banda, Sindo Guinarte apelou á responsabilidade dos electores e pediu que o futuro das pensións sexa un elemento fundamental á hora de decidir o voto o próximo 29 de novembro. O candidato ao Senado contrapuxo a evolución das prestacións durante os gobernos de Mariano Rajoy e Pedro Sánchez e asegurou que, fronte ao incremento medio do 5 % durante a etapa do PP, as pensións aumentaron un 45 % durante os gobernos socialistas, segundo os datos expostos no acto.
Guinarte lembrou tamén as actualizacións mínimas que se aplicaban durante o Goberno de Rajoy, cando os pensionistas recibían comunicacións de subidas de apenas un euro, e defendeu que as políticas socialistas permitiron avanzar na protección das persoas maiores e na garantía dunha xubilación con maior seguridade económica.
O candidato advertiu, ademais, de que a privatización das pensións suporía converter un dereito social nunha oportunidade de negocio para entidades financeiras e compañías aseguradoras. “Non é o mesmo votar o Partido Socialista, que garante unhas pensións públicas, que votar o Partido Popular, que quere que pasen a ser un negocio das aseguradoras e dos bancos”, sinalou.
No encontro participaron tamén Gumersindo Guinarte, candidato ao Senado; Inés Ramos, voceira do Grupo Municipal Socialista da Laracha; Pedro Blanco, delegado do Goberno en Galicia; Aitor Bouza e Silvia Longueira, deputados no Parlamento de Galicia; e Patricia Iglesias, responsable da asesoría xurídica do PSdeG.
Os socialistas concluíron que as eleccións xerais do 29 de novembro serán determinantes para decidir o modelo de protección social das vindeiras décadas, tanto para as persoas pensionistas actuais como para as futuras xeracións. Por iso, insistiron na necesidade de mobilizar o voto progresista e apoiar o PSOE como garantía da continuidade dun sistema público de pensións baseado na solidariedade, na suficiencia das prestacións e na xustiza social.
