O PSdeG de Coristanco esixe a clausura inmediata do pozo do CEIP Canosa–Rus tras detectarse analíticas fóra da normativa

O Grupo Municipal Socialista de Coristanco presentou unha moción no Concello para reclamar a clausura inmediata do pozo construído no CEIP Canosa–Rus en 2025, despois de coñecerse que as primeiras analíticas da auga amosan parámetros que incumpren a normativa vixente.

O voceiro socialista, José Manuel Pérez Abelenda, denunciou ademais que os resultados das análises “foron ocultados durante meses polo goberno municipal”, unha situación que, segundo afirma, afectou directamente á comunidade educativa do centro.

Segundo explicou o portavoz socialista, a información foi coñecida tras a intervención da Valedora do Pobo e da documentación remitida posteriormente ao grupo municipal. Nesa documentación, asegura o PSdeG, reflíctense resultados analíticos con parámetros “fóra da normativa”, o que considera “un risco para a saúde do alumnado, profesorado e persoal do centro”.

“Estamos a falar dun asunto moi grave, que afecta a menores e ao persoal educativo, polo que é imprescindible actuar con urxencia, transparencia e responsabilidade”, sinalou Pérez Abelenda.

A moción rexistrada polos socialistas insta ao Pleno municipal a adoptar varias medidas inmediatas. Entre elas, destaca a clausura do pozo do CEIP Canosa–Rus e a prohibición do seu uso en calquera actividade vinculada ao centro escolar.

Ademais, o PSdeG solicita a desconexión total do pozo das instalacións internas para evitar calquera utilización accidental da auga, así como a remisión inmediata de toda a información ás autoridades competentes, incluíndo a Consellería de Sanidade, a Consellería de Educación, a Inspección Educativa, a dirección do CEIP Canosa–Rus e a ANPA do centro.

Desde o Grupo Municipal Socialista consideran que a situación require “máxima transparencia” e insisten en que “a prioridade debe ser garantir a seguridade sanitaria da comunidade educativa”.

Pérez Abelenda concluíu asegurando que “non se pode permitir que se oculten informes relacionados coa saúde pública nin que se poña en risco a seguridade das persoas por falta de información ou de actuación política”.