
Inés Ramos reclama actuacións para mellorar accesos perigosos, recuperar servizos municipais e manter espazos públicos, ademais de esixir transparencia sobre a planta de biogás de Soandres
A Laracha, 29 de xullo de 2026. O Grupo Municipal do PSdeG-PSOE da Laracha levará ao pleno ordinario de xullo unha batería de mocións, rogos e preguntas centradas en demandas veciñais que, segundo a formación socialista, requiren unha resposta urxente por parte do Goberno local do PP.
A voceira socialista, Inés Ramos, defende que a acción política municipal debe estar orientada a resolver os problemas cotiáns da cidadanía. “A política máis útil é a que resolve o día a día da xente, e por iso levamos ao pleno os problemas que o goberno local prefire ignorar”, sinala Ramos. “Facémolo para solucionar problemas reais dos veciños e veciñas”, engade.
Reclaman mellorar o acceso a Bustelo
Unha das iniciativas que presentará o PSdeG-PSOE é unha moción para abordar o estado do camiño de acceso ao lugar de Bustelo, na parroquia de Vilaño, que conecta coa estrada DP-2404.
Os socialistas alertan de que se trata dunha vía “moi estreita” que dificulta o acceso de vehículos de emerxencia, ambulancias e bombeiros, así como de servizos básicos como o subministro de gasóleo para calefacción.
Ante esta situación, o grupo municipal reclama a elaboración dun estudo técnico que determine as actuacións necesarias para ampliar e mellorar o trazado da vía e proceder ao seu asfaltado. Tamén pide iniciar as xestións cos propietarios dos terreos para conseguir as cesións necesarias e incorporar o proxecto ao vindeiro Plan Único (POS+) da Deputación da Coruña, coa finalidade de executar as obras “con carácter urxente”.
O PSOE pide recuperar o horario completo da piscina no verán
Outra das iniciativas está relacionada cos horarios da piscina municipal durante os meses de xullo e agosto. O PSdeG-PSOE denuncia que a instalación permanece pechada de luns a venres entre as 13:30 e as 19:00 horas, mentres que as fins de semana só abre en horario de mañá e os días festivos permanece pechada.
Para os socialistas, esta situación supón un recorte dun servizo municipal precisamente durante o período no que existe unha maior demanda por parte da veciñanza.
Por iso, Inés Ramos reclama eliminar o peche de cinco horas e media durante as tardes e adoptar as medidas necesarias para garantir o funcionamento da piscina durante todo o horario previsto. A formación aposta pola contratación ou reorganización do persoal necesario e pide que estas melloras non impliquen un incremento das taxas para os usuarios.
Esixen transparencia sobre a planta de biogás de Soandres
O grupo socialista tamén formulará preguntas ao Goberno local sobre o proxecto dunha planta de biogás en Soandres.
Inés Ramos reclama ao alcalde que dea explicacións despois de que o propio PP admitise que o Concello xa recibira información sobre o proxecto no ano 2022. A socialista lembra que, nese momento, o rexedor asegurara nun pleno “non saber nada” sobre a iniciativa.
Ante esta situación, o PSdeG-PSOE solicita coñecer as datas exactas nas que se produciron os rexistros da documentación no Concello e que actuacións ou xestións realizou o Goberno municipal desde entón.
Reclaman actuacións na área canina
A través dun rogo, o PSdeG-PSOE levará tamén ao pleno a situación da área canina situada entre a avenida Manuel Fraga e a DP-2404.
Segundo denuncian os socialistas, o espazo presenta sinais de falta de mantemento e son os propios usuarios os que están realizando reparacións provisionais no valado mediante “bridas”.
A formación reclama a reposición da porta de entrada roubada e a recuperación da dobre porta de seguridade, así como o nivelado do terreo para eliminar as fochancas. Tamén solicita reparar o bebedoiro e establecer traballos periódicos de roza, limpeza e desinfección.
Máis contedores e melloras nos accesos a Currelos de Arriba
Por último, o grupo municipal socialista trasladará ao pleno as demandas dos veciños e veciñas de Currelos de Arriba relacionadas coa xestión dos residuos e co estado das vías de acceso.
O PSdeG-PSOE alerta da falta de contedores e dos desbordamentos que se producen cando os días de recollida coinciden con xornadas festivas. Por este motivo, reclama incrementar o número de contedores dispoñibles e mellorar a planificación do servizo.
A formación pide ademais a reparación inmediata dun burato considerado perigoso situado xunto ao punto de recollida e a posta en marcha dun plan de mellora do firme nos accesos ao lugar.
Con este conxunto de iniciativas, o PSdeG-PSOE da Laracha pretende trasladar ao pleno “problemas concretos da veciñanza” e reclamar ao Goberno local actuacións para mellorar servizos, infraestruturas e espazos públicos do municipio