
Patricia Iglesias denuncia que o PP rexeitou no Parlamento galego a iniciativa socialista para dotar a comarca deste recurso sanitario e alerta dos riscos derivados dos tempos de resposta nas emerxencias graves.
Costa da Morte, 27 de outubro de 2026. O PSdeG-PSOE volve esixir á Xunta de Galicia a posta en marcha dunha ambulancia medicalizada permanente para Bergantiños e a Costa da Morte, unha reivindicación histórica que leva máis de vinte anos sen resposta. A deputada autonómica Patricia Iglesias denuncia que a ausencia deste recurso obriga a depender de unidades desprazadas desde outros puntos da provincia, o que pode incrementar os tempos de atención ante emerxencias sanitarias graves.
Iglesias lembra que, en abril de 2026, o Partido Popular votou en contra dunha iniciativa presentada polo PSdeG no Parlamento de Galicia para reclamar a dotación deste servizo. Unha decisión que, segundo a parlamentaria socialista, ignora unha demanda reiterada durante décadas pola veciñanza e por diferentes entidades da comarca.
As últimas emerxencias evidencian a necesidade do servizo
A deputada socialista sinala varios sucesos graves para insistir na urxencia de reforzar os recursos sanitarios na zona. Entre eles, cita un accidente ocorrido hai meses na peaxe de Carballo, que requiriu o desprazamento de ambulancias medicalizadas desde A Coruña.
Tamén lembra o falecemento, o pasado mes de febreiro, dun neno de dous anos tras sufrir un atragoamento en Carballo. Segundo denuncia Iglesias, a chegada do soporte vital avanzado demorouse máis de media hora.
«Cada minuto que se perde é unha lotaría mortal para 100.000 veciños desta comarca. O Goberno galego do Partido Popular non pode seguir dicindo que este servizo non é necesario, mentres dependemos do azar ou das estradas colapsadas», advirte a deputada.
Unha demanda histórica para garantir unha atención en igualdade
O PSdeG-PSOE considera que as distancias aos hospitais de referencia e as características xeográficas do territorio fan imprescindible dispoñer dunha unidade de soporte vital avanzado con base permanente en Bergantiños e na Costa da Morte.
A formación socialista defende que este recurso permitiría mellorar a capacidade de resposta ante accidentes de tráfico, paradas cardiorrespiratorias e outras situacións de especial gravidade nas que a rapidez da asistencia pode resultar determinante.
Iglesias subliña que a atención ás emerxencias sanitarias debe estar garantida en condicións de igualdade para toda a cidadanía, independentemente do seu lugar de residencia. Por iso, reclama ao Goberno de Alfonso Rueda que reconsidere a súa posición e dea resposta a unha demanda que, segundo o PSdeG, conta cun amplo respaldo social e institucional na comarca.
«Desde o PSdeG dicimos basta. Esiximos unha ambulancia medicalizada permanente xa para Bergantiños e a Costa da Morte. É unha reivindicación histórica, de máis de vinte anos. A nosa vida vale o mesmo que a de calquera outra comarca de Galicia», conclúe Patricia Iglesias.
