


A iniciativa reúne títulos de distintos xéneros e épocas que abordan a violencia, a discriminación e as desigualdades que afectan ás mulleres. Os exemplares están dispoñibles para levar gratuitamente no recuncho de libros libres.
O punto de libros libres de Quintáns, en Muxía, súmase á conmemoración do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, cunha iniciativa que pon a lectura e a cultura ao servizo da sensibilización. Durante esta semana, o espazo ofrece 25 libros escritos por mulleres, que calquera persoa interesada pode levar gratuitamente.
A proposta reúne obras de temática diversa, pero todas elas teñen en común a reflexión sobre situacións de violencia, discriminación ou desigualdade que afectan ás mulleres. A selección percorre diferentes épocas e escenarios, desde a Galicia rural da posguerra franquista ata conflitos e realidades internacionais como a ocupación nazi de Francia, a ditadura arxentina, a Romanía de Ceaușescu, Afganistán, Chernóbil ou Gaza.
Entre os títulos seleccionados figuran obras como Unha habitación propia, de Virginia Woolf; Solas, de Carmen Alborch; El acoso moral, de Marie-France Hirigoyen; Morgana en Esmelle, de Begoña Caamaño; e Quen escribirá a miña historia?, de Iria Morgade. A iniciativa tamén inclúe poesía, novela, ensaio, relatos epistolares e crónica xornalística.
A selección incorpora, ademais, textos de autoras recoñecidas como Svetlana Aleksiévich, premio Nobel de Literatura, con Voces de Chernóbil e Los muchachos de zinc; Leila Guerriero, con La llamada; e a Asociación de Mujeres Juezas de España, con Hijas del miedo, unha obra que recolle testemuños de mulleres vítimas da violencia de xénero.
Dos 25 libros dispoñibles, dez foron escritos orixinalmente en galego e sete en castelán. Os restantes proceden doutras linguas, como o francés, o ruso e o inglés, o que permite ofrecer unha mirada plural sobre as experiencias das mulleres en diferentes contextos sociais, culturais e históricos.
A iniciativa busca compartir obras de valor literario e facilitar o acceso á lectura, ao tempo que contribúe a visibilizar historias e voces que permiten comprender mellor as desigualdades e as distintas formas de violencia contra as mulleres.
Para levar un exemplar non é necesario realizar ningunha inscrición previa. Só cómpre anotar o nome da persoa e o título do libro no impreso dispoñible no propio recuncho de libros libres de Quintáns.
