O traballo e a denuncia dan resultados: solucionada a situación na área infantil de Santaia

Arteixo, 17 de agosto de 2026. — A denuncia pública realizada por Alternativa Enxebre sobre o estado da explanada da área infantil de Santaia, en Chamín, tivo resposta. A zona foi finalmente limpa e os elementos que representaban un risco para as familias e, especialmente, para os nenos e nenas, foron retirados.

O pasado 6 de agosto, Alternativa Enxebre denunciaba o lamentable estado no que se atopaba este espazo, convertido nun auténtico vertedoiro con restos de madeira, plásticos, entullos, lixo e diferentes elementos perigosos espallados polo chan.

A formación tamén alertaba da situación dos colectores, que se atopaban completamente soltos ao teren os seus sistemas de ancoraxe rotos, cun conseguinte risco nun espazo frecuentado por nenos, nenas e familias. Ante esta situación, reclamou ao Concello de Arteixo unha actuación inmediata.

Agora, tras comprobar o estado actual da zona, Alternativa Enxebre sinala que a explanada foi limpa, os residuos e elementos perigosos foron retirados e os colectores están novamente colocados e correctamente ancorados.

Desde a formación consideran que esta actuación demostra a importancia de realizar un seguimento constante das necesidades das diferentes parroquias e núcleos do concello.

“Percorremos as parroquias e os diferentes núcleos do noso concello, escoitamos á veciñanza, comprobamos sobre o terreo os problemas e denunciamos aquelas situacións que necesitan unha actuación municipal”, sinalan desde Alternativa Enxebre.

A formación recoñece que non sempre se consegue que o Concello actúe coa rapidez ou da maneira considerada necesaria, pero asegura que continuará insistindo, denunciando e facendo seguimento das cuestións que afectan á veciñanza.

Neste caso concreto, o problema xa foi solucionado. Para Alternativa Enxebre, este é tamén o resultado do traballo realizado sobre o terreo e do compromiso de manter unha presenza activa nas parroquias.

“Seguiremos facendo o mesmo: estar na rúa, coñecer de primeira man os problemas e traballar para conseguir solucións para os nosos veciños e veciñas”, conclúen.