O Xantar de Confraternidade das Persoas Maiores reúne 750 persoas na Pobra

O polideportivo da rúa Venecia acolleu unha nova edición deste encontro, que congregou participantes da localidade e doutros municipios da comarca.

A Pobra do Caramiñal celebrou unha nova edición do Xantar de Confraternidade das Persoas Maiores, que reuniu arredor de 750 asistentes no polideportivo da rúa Venecia. Unha cita que volveu converterse nun espazo de convivencia, encontro e participación para as persoas maiores da Pobra e doutros municipios da comarca.

Nesta ocasión, a xornada estivo marcada polo loito polo tráxico accidente ferroviario. Como mostra de respecto e solidariedade coas vítimas e coas súas familias, as persoas asistentes gardaron un minuto de silencio e o Concello decidiu suspender as actividades festivas previstas.

O alcalde, José Carlos Vidal, e a concelleira de Servizos Municipais, Estefanía Ramos, puxeron en valor a importancia desta celebración para fortalecer as relacións sociais e favorecer espazos de convivencia entre as persoas maiores.

Durante a súa intervención, o rexedor quixo agradecer especialmente o traballo desenvolvido pola concelleira Estefanía Ramos e pola traballadora municipal Sara Sánchez, fundamentais na organización do evento.

O baile celebrarase o 13 de novembro

O Concello anunciou que o baile que non puido celebrarse durante a xornada terá lugar o venres 13 de novembro, ás 20.00 horas, no pavillón de Venecia. A actividade contará coa actuación musical de Mar Dávila.

O Goberno local tamén trasladou o seu agradecemento aos colectivos participantes e colaboradores, entre os que se atopan as asociacións de amas de casa, a Asociación Española Contra o Cancro, Cáritas, as comisións de festas, Amicos, Cogami, Ambar, o Centro Sociocomunitario e a Asociación de Empresarios.

Así mesmo, recoñeceu a implicación do persoal municipal e de Protección Civil, así como o apoio das empresas Agroforestal Fidalgo Abelleira, Distribucións Xastriña, Constrios, Excavaciones Nima, Net Claire Barbanza, Gadisa, DS Smith, Congalsa, Electrobatalla e Mobalco Stilinea Cocinas.

Con esta nova edición, o Xantar de Confraternidade reafirma o seu papel como unha das citas de convivencia máis destacadas para as persoas maiores da Pobra e da comarca, promovendo o encontro, a participación social e o fortalecemento dos vínculos entre a veciñanza.