
O pasado día informabamos neste medio dun incendio rexistrado en Meicende que, afortunadamente, quedou finalmente nun conato grazas á rápida intervención dos servizos de emerxencia.
Porén, varios veciños da zona aseguran que a súa preocupación continúa. Segundo denuncian, a día de hoxe aínda non se desprazaron os tractores nin se realizaron os traballos de desbroce que consideran necesarios para reducir o risco de novos incendios, especialmente nunha época de altas temperaturas.
Os residentes insisten en que a limpeza da maleza é unha medida preventiva fundamental para evitar que un pequeno foco poida converterse nun incendio de maior magnitude. Ademais, reclaman ás administracións competentes unha actuación urxente para garantir a seguridade das vivendas e das persoas que viven nas proximidades.
A fotografía do conato de incendio, que acompaña esta información, reflicte a preocupación existente entre a veciñanza, que agarda que os traballos de desbroce se leven a cabo o antes posible para minimizar riscos durante o verán.