
O Concello de Ponteceso reforza o seu compromiso coas entidades locais coa sinatura de convenios de colaboración con máis de 30 asociacións culturais, sociais e deportivas do municipio, aos que destinará un importe total de **70.380,84 euros**.
O alcalde, José Manuel Mato, participou na sinatura dos acordos e agradeceu ás distintas entidades o labor que desenvolven ao longo do ano, destacando a súa contribución á dinamización das parroquias e ao fortalecemento da vida social, cultural e deportiva de Ponteceso.
Desde o goberno local destacan que estas axudas buscan respaldar o traballo das asociacións, consideradas unha peza fundamental para fomentar a participación veciñal, a convivencia e a actividade comunitaria en todo o municipio.
Con esta achega económica, o Concello pretende garantir o apoio ás entidades que manteñen viva a actividade asociativa e contribúen ao dinamismo social de Ponteceso.
