
Ponteceso. O Concello de Ponteceso e a Consellería do Medio Rural continúan a reforzar a súa colaboración en materia de prevención de incendios forestais coa instalación de 11 novos puntos de auga distribuídos por diferentes zonas do municipio. Segundo confirmou o alcalde, José Manuel Mato, os traballos quedarán rematados nas próximas semanas.
Do total de infraestruturas previstas, tres situaranse en Corme e Corme Aldea: un na dirección do Cairo, outro na pista que conecta coa Ermida e un terceiro destinado a dar servizo ás zonas de Froxán, Guxín e Gondomil.
Os oito puntos restantes localizaranse nas parroquias de Brantuas, Cospindo, Graña, Cores, Pazos, Langueirón, Tella —no polígono industrial— e Anllóns, co obxectivo de mellorar a capacidade de resposta ante posibles lumes e facilitar o abastecemento de auga aos equipos de extinción.
O rexedor destacou a importancia desta actuación e agradeceu a colaboración da Consellería do Medio Rural, que cualificou de «enorme» e «esencial para previr situacións como as que vivimos hai un ano no municipio».
Con esta iniciativa, Ponteceso continúa avanzando na mellora das infraestruturas de prevención, reforzando a seguridade do territorio e a protección da súa poboación e do seu patrimonio natural fronte ao risco de incendios forestais.


O Concello de Ponteceso agradece o apoio da Deputación da Coruña ao proxecto Os Fogóns do Anllóns
O Concello de Ponteceso quere expresar o seu máis sincero agradecemento ao vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, polo seu apoio, compromiso e colaboración no desenvolvemento do proxecto Os Fogóns do Anllóns, unha iniciativa que contribúe á posta en valor do territorio, da súa identidade e do seu patrimonio natural e gastronómico.
Desde o Goberno municipal destacan a importancia da colaboración entre administracións para impulsar proxectos que xeren oportunidades para o municipio, favorezan a promoción dos seus recursos e reforcen o atractivo de Ponteceso como destino.
O Concello reafirma a súa vontade de continuar traballando da man da Deputación da Coruña en novas iniciativas que contribúan ao desenvolvemento sostible do municipio, á mellora dos seus espazos naturais e á creación de proxectos que repercutan positivamente na calidade de vida da veciñanza e na experiencia das persoas que visitan Ponteceso.
A cooperación institucional seguirá sendo unha ferramenta fundamental para avanzar na conservación e valorización da riqueza natural, cultural e paisaxística de Ponteceso, promovendo un modelo de desenvolvemento respectuoso co territorio e beneficioso para toda a comunidade.
