
O documento permanecerá 20 días en exposición pública para que particulares e entidades poidan presentar alegacións
O Concello de Ponteceso vén de publicar o Plan de actuación municipal ante o risco de inundacións, un documento que establece a organización e os procedementos de resposta dos recursos e servizos municipais ante posibles emerxencias provocadas por inundacións. O plan estará 20 días en exposición pública, período durante o cal as persoas ou entidades interesadas poderán consultar o documento e presentar as alegacións que consideren oportunas.
O documento, elaborado en 2026, ten como finalidade establecer un sistema municipal de prevención e resposta ante episodios de inundación e contempla as fases de preemerxencia, emerxencia e recuperación dentro do termo municipal. Entre os seus obxectivos figuran a identificación das zonas con risco, a redución dos posibles danos, a organización de evacuacións e aloxamentos, a asistencia sanitaria e o mantemento dos servizos básicos.
O río Anllóns, principal foco de risco
A análise realizada no plan identifica o río Anllóns como o principal elemento asociado ao risco de inundación no municipio, especialmente no seu tramo final, nas proximidades do núcleo urbano de Ponteceso e na súa desembocadura na ría de Corme e Laxe.
O documento sinala tamén como zonas de especial atención o esteiro e a desembocadura do Anllóns, as zonas baixas do núcleo urbano, diferentes puntos da rede viaria e de drenaxe e os ámbitos do rego do Cruceiro e do río ou rego do Pouso. Estes dous últimos aparecen vinculados á proposta de ampliación da Área de Risco Potencial Significativo de Inundacións (ARPSI) de Ponteceso.
O plan tamén presta atención ao risco asociado aos fenómenos costeiros. A combinación de chuvias intensas, crecidas do río, mareas vivas, preamar, mar de fondo e temporais marítimos pode dificultar a evacuación natural das augas e incrementar os asolagamentos nas zonas baixas próximas á ría.
Un risco con antecedentes no municipio
A documentación municipal recolle varios episodios históricos de inundacións no ámbito do Anllóns. Entre eles figuran as inundacións de 1998 e 1999, así como episodios posteriores que afectaron especialmente ao núcleo urbano e á avenida Eduardo Pondal. O plan tamén incorpora o episodio de 2021, cando o desbordamento do Anllóns tras fortes precipitacións provocou acumulacións de auga en vivendas e inmobles e fixo necesaria a intervención con bombas de achique.
O documento conclúe que se trata dun risco «real e recorrente», ligado principalmente ao comportamento hidráulico do río Anllóns, ás zonas baixas do núcleo urbano e á súa desembocadura. A planificación pretende facilitar a coordinación municipal cos dispositivos e organismos competentes en materia de emerxencias e protección civil.
Organización da resposta municipal
O Plan establece unha estrutura específica para actuar ante unha eventual emerxencia, con figuras como o director do plan, o comité asesor, o director técnico da emerxencia, o gabinete de información e diferentes grupos operativos de intervención, asistencia sanitaria, apoio loxístico e seguridade e apoio técnico. Tamén contempla o funcionamento do Centro de Coordinación Operativa Municipal (CECOPAL).
Entre as medidas previstas atópanse os sistemas de aviso á poboación, o confinamento ou evacuación cando sexa necesario e o control de accesos ás zonas afectadas. O plan establece que non se permitirá o paso por vías inundadas, pasos con corrente, pontes afectadas ou zonas costeiras expostas cando non poida garantirse a seguridade.
Durante o período de exposición pública, as persoas e entidades interesadas poderán formular as alegacións ou achegas que consideren oportunas antes da tramitación definitiva do documento.
