Un equipo de buzos retirou os obstáculos acumulados no fondo mariño que impedían o funcionamento normal da estrutura.
Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2026.– Portos de Galicia, dependente da Consellería do Mar, recuperou esta mañá o funcionamento automático da comporta que pecha a dársena de Malpica, unha estrutura fundamental para garantir o abrigo da frota pesqueira.
A reparación realizouse de urxencia mediante a intervención dun equipo de buzos, que conseguiu retirar os obstáculos que bloqueaban o movemento da comporta no fondo mariño. Entre os materiais extraídos atopábase diverso refugallo, incluída unha cadea, que impedía o xiro normal da estrutura.
A incidencia detectouse o pasado mércores e, desde entón, a apertura da comporta tivo que realizarse manualmente, coa intervención dun operario designado por Portos de Galicia. Tras os traballos de limpeza e desbloqueo, o sistema volveu funcionar con normalidade e recuperou o seu mecanismo automático habitual.
Os técnicos de Portos de Galicia permaneceron na zona desde que se produciu a avaría e supervisaron os traballos submarinos desenvolvidos durante a mañá. Unha vez resolta a incidencia, o ente público comunicoulle a recuperación do servizo ao patrón maior da confraría de pescadores de Malpica, co que mantivo contacto directo e permanente durante todo o proceso.
Con esta actuación, Portos de Galicia restablece a plena operatividade dun sistema esencial para o funcionamento da dársena e para garantir as condicións de abrigo da frota pesqueira de Malpica.
