
Muros (A Coruña), 10 de xuño de 2026.- A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, investiu 460.000 euros na reconstrución dun tramo do peirao interior da dársena de Muros (A Coruña). A titular do departamento autonómico, Marta Villaverde, visitou esta mañá as obras que se atopan a piques de rematar.
A conselleira explicou que os traballos consistiron na reconstrución dun tramo de peirao de 18 metros de lonxitude para reforzar a súa estabilidade, afectada pola propia acción do mar. Ademais engadiu que ao tratarse dunha zona accesible ao tránsito, a actuación realizada reforzará a seguridade das persoas e da maquinaria que circula habitualmente sobre ela.
En concreto, as obras incluíron a demolición ata a súa cimentación de toda a parte afectada polos problemas de estabilidade. Para isto foi preciso retirar previamente todos os elementos de mobiliario urbano existentes na contorna da actuación. Estes elementos estanse a repoñer ao finalizar as obras, unha vez reparados e substituídas as súas pezas de ancoraxe. Os traballos incluíron tamén a reposición de todos os servizos afectados.
Maior orzamento
As obras de reconstrución parcial do peirao interior de Muros adxudicáronse inicialmente en 361.000 euros pero, unha vez iniciados os traballos, o orzamento tivo que incrementarse polos danos ocultos que rexistraba a estrutura. Durante o inicio das escavacións constatouse que o material de recheo da explanada estaba constituído por area e non por pedra como se prevía. Ante este cambio, resultou necesario variar a pendente de escavación prevista para facela máis tendida e conter así o material areoso.
Ademais, dado que o material areoso presenta un alto contido en finos que podería provocar unha elevación significativa da turbidez da auga, Portos de Galicia instalou unha barreira antiturbidez para limitar a dispersión dos sedimentos. Finalmente, empregouse formigón somerxido para executar os encontros entre o peirao existente e o novo.