
O Concello de Ames cedeu os terreos de Galdrachán nos que se desenvolverán as futuras promocións residenciais.
O alcalde de Ames, Blas García, acompañou a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, no acto celebrado na Cidade da Cultura no que se deron a coñecer os tres proxectos gañadores do concurso de ideas para o deseño das futuras vivendas públicas que se construirán en Galdrachán, en terreos cedidos polo Concello de Ames.
As propostas premiadas foron seleccionadas entre as 121 candidaturas presentadas ao concurso, que permitirá avanzar no deseño e na futura construción de 140 novas vivendas públicas no municipio.
O primeiro premio, baixo o lema 24CRUCES, corresponde á unión temporal de empresas formada por Peris-Toral Arquitectes SCPP e Creus e Carrasco Arquitectos SLP. Este proxecto desenvolverá os edificios das parcelas AR3 e AR6.
O segundo premio, denominado LIMIAR00, foi para a proposta de Mariña Sabela Jordan de la Peña, correspondente ás parcelas AR4 e AR5.
Pola súa banda, o terceiro premio, TRAMA 26, recaeu no proxecto de BASIC-AAP, SLP, desenvolvido polo equipo integrado por Begoña Fernández-Shaw Zulueta, Carlos Rebolo Maderuelo e Alejandro Caraballo Llorente, vinculado á parcela AR8.
A selección destas tres propostas supón un novo avance no proceso de planificación das futuras vivendas públicas de Ames, unha actuación que permitirá ampliar a oferta residencial no municipio e avanzar cara á materialización das 140 novas vivendas previstas en Galdrachán.



