


A igrexa de San Simón de Nande converteuse hoxe no escenario dunha tarde dedicada á historia, á arquitectura e á música, no marco das II Xornadas de Turismo Arquitectónico, Patrimonial e Cultural do Concello de Laxe 2026.
A actividade comezou cunha intervención do mestre de Xeografía e Historia Luís Giadás, que guiou os asistentes por un percorrido pola historia do templo e as súas particularidades arquitectónicas, achegando detalles sobre algúns dos elementos máis destacados deste patrimonio relixioso.
A xornada completouse cun concerto de Icía Varela, que puxo a nota musical a unha cita desenvolvida nun espazo cargado de historia e valor patrimonial.
Esta iniciativa municipal busca dar a coñecer e poñer en valor os elementos históricos, arquitectónicos e culturais das distintas parroquias de Laxe, ofrecendo á veciñanza e aos visitantes novas oportunidades para descubrir o patrimonio local.
Desde o Concello agradeceron a participación de todas as persoas asistentes e destacaron a importancia de conservar, divulgar e compartir os tesouros patrimoniais que forman parte da identidade do municipio.
