
Un grupo de vinte persoas participou na actividade «Móllate polos ríos», impulsada por ADEGA e desenvolvida simultaneamente en máis de 50 concellos galegos
A Laracha, 4 de outubro de 2026.– A Asociación Terra de Soandres coordinou este domingo unha xornada de limpeza do río Anllóns ao seu paso pola parroquia larachesa de Soandres, no marco do proxecto «Móllate polos ríos», promovido pola asociación ecoloxista ADEGA.
Na actividade participaron arredor de vinte persoas, entre integrantes de Terra de Soandres, membros da entidade larachesa Adro de Vilaño e veciños e veciñas procedentes de diferentes localidades, entre elas Arteixo e Carballo.
Durante varias horas de traballo, os voluntarios retiraron do leito e das marxes do río unha gran cantidade de residuos. Entre os obxectos atopados había rodas, colchóns, plásticos, mobles e mesmo unha televisión, ademais doutros lixos de diversa natureza.
Todo o material recollido foi trasladado posteriormente para ser pesado na báscula da canteira El Pozo, situada na propia parroquia de Soandres. O resultado foi de 1.800 quilos de residuos retirados do río Anllóns.
A iniciativa desenvolveuse de maneira simultánea en máis de 50 concellos galegos, dentro dunha campaña que pretende promover a participación cidadá na protección dos ecosistemas fluviais e concienciar sobre a importancia de manter limpos os ríos.
Desde Terra de Soandres cualificaron a experiencia como «un éxito de actividade, unha mágoa de situación do río Anllóns», ao tempo que destacaron a necesidade de continuar traballando na concienciación ambiental da veciñanza e na protección do patrimonio natural.
A xornada contou co apoio de Piensos Iglesias e coa colaboración do Concello da Laracha, ademais da participación desinteresada das persoas voluntarias que se sumaron á limpeza.
