
Un traballador que se atopaba realizando labores de desbroce nas vías do tren do Eixe Atlántico, nas proximidades de Vilacide-Trasmonte, en Oroso, precisou asistencia sanitaria durante a mañá deste xoves.
Segundo informa a AVPC de Oroso, sobre as 9:30 horas solicitouse asistencia para o operario, cuxa situación e estado fixeron necesario o seu traslado en padiola ata o punto máis próximo de acceso á traza ferroviaria.
A intervención tamén obrigou a solicitar unha redución da velocidade dos trens no lugar. Durante uns instantes, as circulacións ferroviarias pasaron a realizarse en condicións de marcha á vista para facilitar o operativo e garantir a seguridade dos equipos desprazados á zona.
No dispositivo participaron a Policía Local de Oroso, a Garda Civil, Protección Civil, persoal de seguridade e traballadores de Adif, así como unha ambulancia do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e compañeiros da empresa do traballador.
Desde a AVPC de Oroso agradeceron o traballo realizado por todos os servizos e efectivos que participaron no operativo e trasladaron os seus desexos dunha pronta recuperación ao traballador ferido.