
Tres menores resultaron feridos este venres tras sufrir unha saída de vía co turismo no que viaxaban no lugar de Guilfonxe, na parroquia de Bértoa, en Carballo. O accidente produciuse ás 17.08 horas, segundo informou a Garda Civil da Coruña.
Segundo a información facilitada, un dos menores, que conducía o vehículo, dispoñía dun permiso AM, que unicamente autoriza a condución de ciclomotores de dúas ou tres rodas, polo que non habilita para conducir turismos.
Ata o lugar do sinistro desprazáronse unha patrulla da Garda Civil, dúas ambulancias de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, efectivos de Protección Civil, a Policía Local e os bombeiros.
Como consecuencia da saída de vía, o turismo derrubou un poste eléctrico, o que motivou tamén a intervención dos servizos de emerxencia. Os tres menores resultaron feridos, aínda que non transcendeu a gravidade das lesións.
